Nas asembleas celebradas o pasado mércores, a plantilla expresou de maneira clara e inequívoca o seu apoio á posición defendida polo Comité de Empresa no marco da negociación colectiva.
Nelas, quedou en evidencia a actuación da dirección de Xeal (Energo-Pro), que trasladou ás persoas traballadoras unha información parcial, interesada e orientada a manipular a súa opinión, omitindo deliberadamente cuestións fundamentais do proceso negociador e falseando a realidade da negociación.
Esta forma de proceder constitúe un ataque frontal á negociación colectiva e á lexitimidade do Comité de Empresa como representantes legais das persoas traballadoras, nun intento de desacreditar o seu papel e presentalo como un obstáculo cando o único que fai é defender dereitos laborais fundamentais e o mantemento do poder adquisitivo.
Resulta especialmente grave que esta actitude se produza nunha empresa que obtén beneficios económicos moi relevantes, se beneficia de importantes subvencións públicas e opera grazas a unha concesión administrativa para a xeración de enerxía. Nun contexto así, resulta inaceptable e insultante que as persoas traballadoras teñan que seguir asumindo a perdida de dereitos sociais e poder adquisitivo, mentres a empresa consolida resultados positivos.
As asembleas puxeron de manifesto un clima de unidade, indignación e firmeza entre a plantilla, que identifica con claridade esta estratexia como un intento consciente de dividir, presionar e debilitar á súa representación legal, en lugar de avanzar cara a un acordo xusto e equilibrado.
Desde o comité de empresa reiteramos a nosa disposición a negociar, pero advertimos con toda claridade que non imos consentir manobras de descrédito, presión ou manipulación informativa, nin aceptar imposicións que vulneren os principios máis elementais da boa fe negociadora.
Así mesmo, queremos sinalar que continuamos á espera da resposta da Consellería á solicitude de reunión que lle temos trasladada, coa finalidade de abordar esta situación e procurar unha vía de solución que garanta o respecto á negociación colectiva e aos dereitos das persoas traballadoras.