Galicia non pode esperar máis. Baixo esta premisa, un grupo de mulleres e homes galeguistas de toda a xeografía nacional déronse cita hoxe en Compostela cun obxectivo claro, artellar unha resposta política e social sólida ante o abandono dos intereses do noso País.
Na xuntanza, o grupo reivindicou con orgullo o legado do Partido Galeguista (PG). O «faro» que Castelao acendeu hai máis de 80 anos volve hoxe a proxectar luz, non como unha reliquia do pasado, senón como a guía estratéxica e necesaria para pilotar os desafíos económicos, demográficos e sociais que Galicia afronta hoxe.
Os asistentes foron tallantes: Galicia necesita unha forza coherente, de obediencia estritamente galega, que actúe sen complexos nin tutelas externas. O PG dá un paso adiante para defender o noso dende aquí, con voz propia en todos os foros e co pé na rúa, atendendo ás demandas reais e cotiás da cidadanía.
O encontro cristalizou na creación dun grupo de traballo integrador. Este espazo nace coa misión de unir as distintas sintonías galeguistas baixo unhas siglas que son patrimonio de todos e ferramenta útil para a nación. «Buscamos un proxecto onde todas as formas de sentir Galicia se unan arredor dunhas siglas case centenarias. O PG é o punto de encontro para quen crea que o noso futuro debe decidirse aquí, sen dependencias nin silencios impostos», afirmaron con rotundidade voceiros do grupo.
Este novo impulso galeguista sitúa a soberanía nas decisións e o benestar dos galegos no centro da axenda, preparándose para liderar os cambios que o País esixe ante os retos actuais que demanda Galicia.