A produtora nova que muda o xogo: Brava coloca dous programas dixitais entre os finalistas aos Mestre Mateo.
A produtora galega Brava celebra o seu segundo aniversario consolidándose como unha das novas referencias do sector audiovisual galego tras acadar coas súas producións cinco nominacións aos Premios Mestre Mateo 2026, un fito que reforza o seu crecemento e o impacto da súa proposta creativa. Tras estrearse nos Mestre Mateo con doble nominación na categoría webserie no 2025 por A moza que abortou e o contou e Pringadas, nos galardóns deste ano, opta a Mellor Programa por O Videoclub e por Raíña-me!; Mellor Curtametraxe por Algo novo que contar, de Paula Pereira; Mellor Realización para Miguel Gomar por Raíña-me!; Mellor Comunicador para Miguel Canalejo por O Videoclub, do que tamén é guionista e director.
As nominacións a mellor programa sitúan á produtora nun lugar destacado dentro dunha categoría tradicionalmente dominada por formatos de prime time da televisión convencional como o Land Rober ou o Luar entre outros programas coñecidos da televisión pública. A presenza de dous proxectos dixitais de Brava, dispoñibles na plataforma AGalega, na categoría de Mellor Programa supón unha irrupción significativa fronte a espazos historicamente hexemónicos da grella televisiva galega, sinalando un cambio de paradigma cara a contidos nativos dixitais, formatos novos e linguaxes contemporáneas.
Fundada en febreiro do 2024 por Cristela Torres (A Illa de Arousa, 1995) e Bea Villar (A Coruña, 1998), Brava naceu coa vontade de producir historias para a mocidade, en galego e cunha perspectiva feminista, apostando por creadoras emerxentes e voces infrarrepresentadas. En apenas dous anos, a compañía pasou de ser unha iniciativa nas marxes a converterse nun proxecto recoñecido polo público e pola propia industria, tanto galega como nacional. A nivel estatal xa destaca coa súa primeira longametraxe en desenvolvemento Os reis imaxinarios, da guionista e directora galega Eire Cid, actualmente participando no prestixioso Programa Rueda da Academia de Cine Española.
O seu modelo de produción, que combina en series, formatos curtos e contidos para plataformas dixitais, permitiulle conectar cunha nova xeración de espectadores orfos de contidos contemporáneos e temáticas do seu interese en galego e demostrar que existen outras formas de facer e consumir audiovisual en Galicia.
Con estas nominacións, Brava reafirma o seu posicionamento como unha das produtoras máis dinámicas e prometedoras do sector, consolidando un liderato baseado na innovación, na renovación do talento e nunha identidade propia que combina compromiso cultural, risco creativo e proximidade coa audiencia.