Ecoloxistas en Acción recorre ante a Xustiza Europea o proxecto da mina de Doade

Ecoloxistas en Acción presentou unha demanda de anulación ante o Tribunal Xeral da Unión Europea contra a Comisión Europea pola declaración da mina de Doade (Ourense) como proxecto estratéxico ao abeiro da Lei Europea de Materias Primas Críticas (CRMA).

Segundo a organización ecoloxista, a Comisión Europea incorreu en erros de dereito e de apreciación ao outorgar esta cualificación a un proxecto que conta cunha ampla contestación social e que presenta riscos significativos para o medio ambiente e os ecosistemas da comarca, sen que se realizase unha avaliación ambiental rigorosa conforme esixe o propio regulamento europeo.

Ademais, Ecoloxistas en Acción apunta ao conflito de intereses que supuxo a participación do actual director de minaría da empresa Recursos Naturais de Galicia, Carlos Martínez Torres, no proceso de avaliación dos proxectos estratéxicos, precisamente cando o mesmo directivo for a responsábel pola preparación da candidatura da mina Doade, cando aínda traballaba para a empresa mineira.

Por outra parte, a participación de Recursos Naturais de Galicia —empresa público-privada dependente da Xunta— no proxecto da mina de Doade supón un evidente conflito de intereses, xa que a propia Administración galega pasa a actuar simultaneamente como promotora ou socia do proxecto mineiro e como autoridade responsable de avalialo, autorizalo e supervisalo desde o punto de vista ambiental e administrativo.

Esta dobre condición compromete a imparcialidade dos procedementos, debilita as garantías de control público e cuestiona a independencia das decisións adoptadas, ao existir un interese económico directo da Xunta no desenvolvemento da mina. Ademais, esta situación dificulta unha avaliación ambiental rigorosa, reduce a credibilidade institucional e limita a confianza da cidadanía nun proceso que debería priorizar a protección do territorio, da saúde pública e do interese xeral fronte a beneficios empresariais.

Ecoloxistas en Acción xa advertira previamente á Comisión Europea dos impactos críticos sobre ecosistemas de alto valor natural, a afección a recursos hídricos e acuíferos da zona, o risco de contaminación por residuos mineiros e a falta de garantías sobre a restauración do territorio. A pesar diso, a Comisión aceptou sen contraste a información achegada pola empresa promotora, impedindo o acceso á mesma.

“A Comisión Europea renunciou á súa obriga de control e limitouse a dar por boa a documentación presentada pola empresa, cando o Regulamento de Materias Primas Críticas esixe que os proxectos estratéxicos se executen de maneira verdadeiramente sostible”, explica Jaime Doreste, avogado que representa a Ecoloxistas en Acción ante o Tribunal Xeral da UE, con sede en Luxemburgo.

A demanda tamén denuncia que a Comisión sostivo que non ten a obriga de motivar publicamente por que o proxecto da mina de Doade cumpre cos criterios legais para ser declarado estratéxico, unha interpretación que, segundo Ecoloxistas en Acción, vulnera o Convenio de Aarhus ao limitar o dereito á información e á participación pública das comunidades afectadas.

A organización lembra que a declaración como proxecto estratéxico non é un acto neutro, xa que acelera os procedementos de autorización, reduce na práctica as garantías ambientais establecidas polas directivas europeas e ten un impacto directo sobre o territorio e a poboación local. No caso do proxecto de mina Doade, a propia Xunta xa acordou o ano pasado a reducción dos prazos de tramitación á metade, limitando as posibilidades dos órganos sectoriais de avaliar un proxecto complexo e con graves deficiencias.

Con esta demanda, Ecoloxistas en Acción solicita ao Tribunal Xeral da Unión Europea que anule a decisión da Comisión Europea e deixe sen efecto a declaración da mina de Doade como proxecto estratéxico. “A transición ecolóxica non pode facerse a costa do medio ambiente nin dos dereitos das comunidades locais. O Estado de Dereito europeo tamén debe aplicarse cando falamos de minería”, conclúe Doreste.

Comparte éste artículo
No hay comentarios