A Irmandiña afeccionada xa sabe cal é a terceira parte do camiño na procura da súa cuarta final, terceira consecutiva de logralo, na fase española da Copa das Rexións UEFA. Logo do sorteo celebrado nas Rozas, Canarias será o primeiro obstáculo para lograr o obxectivo e que a branco e celeste estea en Europa na próxima campaña. De gañar, xogaría a final contra o vencedor da outra semifinal que disputarán Cataluña, organizadora da fase final da competición hispana, e Navarra. Todos os partidos serán no Olímpic de Tarrasa.
Canarias, da conveniencia á solvencia
A clasificación de Canarias pasou dun resultado de conveniencia a outro de solvencia. O combinado insular foi sorteado con Aragón e Estremadura para conformar a competición no grupo E na primeira fase do torneo. En territorio maño, gañou o seu primeiro partido por 2-0 contra os estremeños, Como o regulamento dicía que os cinco primeiros de cada grupo, xunto aos tres mellores segundos, pasarían á fase intermedia, o empate garantía o pase á mesma tanto a eles como a aragoneses, que gañaran por 1-0 a Extremadura na data inaugural. O previsible 0-0 converteuse en real ao remate dos 90 minutos.
O primeiro lugar no grupo garantiulle xogar na casa a fase intermedia. No campo de La Salud, nun gran segundo tempo, derrotou á Rioxa por 3-0.
Ni minuto 49, Alexis Cabrera, un xogador do Mensajero, cedido polo At. Paso, culminou unha contra para abrir o marcador. Santi Domínguez, aproveitando un despexe do meta a remate de Alexis Cabrera, fixo o 2-0 no minuto 63. O derradeiro gol do partido foi obra do central uruguaio Pato Álvarez.
Volver ás orixes nunha historia faborable
Os enfrontamentos entre as seleccións afeccionadas de Galiza e Canarias levan a visión de ambas ás orixes. Corría maio do 2000 e o día 18, os dous emblemas disputaban os seus primeiros partidos oficiais das súas respectivas historias. A cita era no Miguel Induráin, na murciana Ceutí. O partido non tivo gañador porque os dous equipos, que acabarían nas últimas posicións do grupo, marcaron un gol ao remate dos 90 minutos. Luis Rodríguez Vaz era o noso seleccionador e o arosanista Barcia o noso primeiro goleador.
O seguinte Galiza-Canarias está máis próximo no tempo e, probablemente, tamén na lembranza. Aconteceu en Coia inaugurando a competición na edición 2023/24 e foi o primeiro encontro da Irmandiña logo da resaca do título continental. O día da Inmaculada de 2023, a Irmandiña vencía aos insulares por 1-0. Despois, Galiza empataría sen goles con Aragón e acabaría chegando á final desa edición na que caería contra o propio equipo maño nas Rozas.
Álex Melide, nos estertores do encontro, fora quen anotara o gol da vitoria fronte á selección das sete illas. Esta é a ficha daquel choque:
VENRES 08/12/2023 (12,00) Campo: COIA (Vigo) (500)
CANARIAS : 0 – GALIZA : 1 (0‑0)
CAN : Carlos; Zeben, Acaymo, Javi, Saavedra; Mario (Henan 75’), Soto (Javi Yanes 84’), Dani Hernández (Josemi 65’), Facu, Juanito (Omar 65’); Joel (Denzel 75’). Sel. Sergio Alonso. (Banco: Giovani (g); Kirian).
GAL : Javi; Santi de Prado, Carabán, Martín, Cotilla; Goitia, Fabio (Kopa 65’), Diego (Álex Melide 65’), Álex (Martín Diz D); Félix (Cañi 65’), Otero. Sel. Iván Cancela. (Banco: Gabri (g); Manu; Antonio).
Goles: 0-1 Álex Melide 90’.
Árbitro: Davila Fernández (Galiza-Vigo). Auxiliares: Domínguez González e González Rodríguez.
Disciplina: CA: Zeben 38’; Javi 59’.
NOTAS: Por penaltis para resolver posibles empates: Canarias: 4 – Galiza: 2.
Cara e cruz en Cataluña
Será a segunda vez na que a Irmandiña afeccionada acuda a Cataluña. A vez anterior, na fase de grupos da temporada 2005/06, gañou claramente a Ceuta por 0-3, con goles de Xoel, Iván Pérez e Guillermo, o do bancario de penalti, e perdeu pola mínima contra a cuatribarrat nun emocionante partido (4-3).
Nun dez contra dez polas expulsión de Uri e Michi, Aleix bateu a Jorge e definiu o partido a prol dos cataláns a dous minutos do remate. Os dous partidos, celebrados o 3 e 4 de decembro de 2005, nomeadamente, tiveron como escenario o Joan Baptista Milà de San Baudilio de Llobregat.
Foto: Once inicial da Irmandiña no pasado partido contra Asturias na Malata. © 21noticias.com