Ameijide recorda á presidenta que ten unha longa lista de tarefas pendentes sobre a mesa, como traballar no equipamento e apertura da residencia comarcal de Becerreá, “nas mesmas condicións que o resto de centros da rede”; ou acadar a igualdade para todos os veciños da provincia, independentemente do municipio no que residan, “algo que semella complicado xa que na xunta de goberno de hoxe repartirán os primeiros convenios a dedo con alcaldes afíns, seguindo o modelo marcado por José Tomé”.
A piques de cumprirse un mes dende que tomou posesión coma nova presidenta da Deputación, Carmela López, aínda non deu conta “das liñas mestras” que se supoñen rexeran o seu mandato xa que “o único que vimos ata agora foi diversos tours por dependencias provincias para coñecelas, algo que xa debería ter feito xa que leva varios anos coma deputada provincial”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, amosa a súa preocupación tras “un mes perdido” e, sobre todo, tralas declaracións realizadas por Carmela López nunha entrevista nun medio de comunicación, na que asegurou que dirixirá a entidade provincial do mesmo xeito que vén xestionando o Concello de Burela, do que é alcaldesa.
“Esta reflexión déixanos moi preocupados, xa que como alcaldesa é a responsable de que Cervo, Xove e Burela perderan un obradoiro de emprego porque Carmela López foi incapaz de presentar en tempo e forma a conta xeral”, sinalou.
A realidade é que a súa falta de dilixencia á fronte do Concello de Burela tivo consecuencias negativas para varios municipios da comarca xa que “neste mes que leva á fronte da Deputación o seu único cometido foi facer unha publicación diaria nas redes sociais”.
Ameijide afirma que “a súa falta de dilixencia á fronte do Concello de Burela supuxo a perda dunha oportunidade de formación e inserción laboral para persoas desempregadas da zona, evidenciando unha preocupante falta de planificación e responsabilidade administrativa”.
“A presidencia da Deputación de Lugo require rigor, compromiso e cumprimento da legalidade, especialmente cando están en xogo recursos e oportunidades para a veciñanza”, sinalou.
Neste senso, Ameijide recorda á presidenta que ten unha longa lista de tarefas pendentes sobre a mesa da presidencia, como traballar no equipamento e apertura da residencia comarcal de Becerreá, “nas mesmas condicións que o resto de centros da rede”; acadar a igualdade para todos os veciños da provincia, independentemente do municipio no que residan, “algo que semella complicado xa que na xunta de goberno de hoxe repartirán os primeiros convenios a dedo con alcaldes afíns, seguindo o modelo marcado por José Tomé”; ou mantemento de estradas provinciais, entre outras.
“Carmela López xa tivo varias ocasións de desmarcarse do legado de Tomé, pero semella que o único que lle preocupa e deixar o mando ao presidente na sombra, mentres ela segue a buscar fotos para publicar nas redes sociais”, lamentou, instando á presidenta da Deputación a “deixar atrás ese pasado que non queremos recordar na provincia e que traballe polos lucenses que levan dúas décadas vendo como a Deputación de Lugo os abandonou”.