A Plataforma veciñal CHANTADA QUERE SANIDADE alerta novamente dun colapso inminente no Centro de Saúde de Chantada, que nestes momentos conta unicamente con dous médicos de atención primaria para atender ás máis de 8.000 persoas da comarca. A previsión é que esta situación se prolongue durante todo o mes de decembro, un período especialmente crítico polos picos de demanda asistencial propios do inverno.
A plataforma veciñal denuncia que anos de falta de previsión e unha xestión deficiente por parte das administracións deixan unha vez máis a veciñanza desasistida, mentres os profesionais soportan unha presión laboral extrema e os usuarios padecen demoras intolerábeis.
A realidade vese reflectida na propia axenda de citas: cando se abre o calendario de reserva dalgúns facultativos, os tempos de espera chegan até os 20 días, deixando aos doentes sen ferramentas para resolver problemas de saúde que a atención primaria debería solucionar nun prazo breve.
Un dos factores principais desta crise é a non cobertura das baixas e das vacacións do persoal médico. As ausencias cúbrense de xeito alterno con profesionais alleos ao centro, sen continuidade asistencial e sen asumir tarefas esenciais como a atención domiciliaria. Isto provoca que moitos pacientes fiquen sen atención ou que recaia unha carga desproporcionada sobre os poucos profesionais fixos dispoñíbeis.
Amais, a este problema estrutural súmaselle o aumento estacional de patoloxías respiratorias, que previsibelmente acabará saturando tanto a atención primaria canto as urxencias hospitalarias.
Tampouco se esquece Chantada quere sanidade de que o servizo Hado segue sen ofrecerse na comarca, a pesar da propaganda da Xunta nos últimos anos anunciándoo.
A situación reflíctese no día a día do centro, onde se vive un ambiente de incerteza permanente. O persoal non sabe como programar as citas para atender toda a demanda, os médicos non poden garantir unha atención en tempo e forma, e moitos usuarios non saben onde acudir. O pasado venres 28, un paciente que non lograba conseguir cita pediu axuda ao seu médico no corredor. A resposta do profesional foi clara e dolorosamente ilustrativa:
“Estamos dous de sete. Perdoa, pero non podo facer máis… e agora vou a un domicilio. Non te podo atender.”
CHANTADA QUERE SANIDADE é unha plataforma veciñal creada en Chantada que agrupa persoas comprometidas coa defensa e mellora da sanidade pública en Chantada e Carballedo, así como na área sanitaria correspondente e no conxunto do país. A plataforma lembra que “coas vidas non se xoga, e a Sanidade Pública é un dos bens máis prezados que temos como sociedade”.