O grupo sorprende cunha cumbia e un retrouso pegadizo no último sinxelo que dará a coñecer de ‘Rapants Club’ antes da súa publicación
Ao berro de “¡La banda completa!”, seguido dunha cumbia, The Rapants sorprende este xoves co lanzamento de Viaxei, o segundo e último avance do seu novo disco, Rapants Club. Con este tema, que destaca por un retrouso pegadizo e unha produción elaborada, os rapantes achéganse, desde o rock -e sempre con elegancia-, aos ritmos latinos.
Viaxei é unha mostra do carisma e actitude de The Rapants, que non dubidan en expandir o seu “bo rollo” cara estilos como a cumbia, a música disco ou a electrónica. Nesta ocasión, os sintetizadores e os riffs desafiantes danse cita nun tema que, ao igual que Non Sei Como, dá boa conta da variedade estilística, guitarras frenéticas e retrousos memorables que conformarán o álbum, que se presentará ao vivo o 28 de marzo no Multiusos do Sar (entradas esgotadas).
O sinxelo, xa dispoñible nas principais plataformas dixitais, acompáñase dun videoclip dirixido por La Bellavista e que dá continuidade ao universo das ‘Rapants Clubs’ anunciadas en Non Sei Como, peza audiovisual que gozou dunha gran acollida entre o público. Personaxes de anteriores videoclips (Rue Franklin) regresan como protagonistas centrais dun vídeo coroado por unha gran bola de discoteca e que se rodou o pasado mes de decembro no Instituto Galego da Información (IGI), ideado por Isaac Díaz Pardo.
Foto portada: © Andrea Sánchez