O Arteixo sumou a sexta vitoria na competición tras superar con comodidade a un frouxo Barbadás. Os locais cociñaron os puntos no primeiro tempo, con dous tantos no limite dos dous primeiros cuartos de xogo. Primeiro foi Iván, que aproveitou o rebote do penalti que el mesmo errou para cabecear á rede. No fío do descanso, Otero anotou co peito. Xa, cando o partido camiñaba ao remate, sen que o Barbadás non reaccionara en todo o segundo tempo, anotou Raúl Melo o 3-0.
José Ramón desequilibra o partido e Iván e Otero o marcador
O Arteixo foi o dominador dun primeiro tempo que comezou a abrirse á par que o marcador. Antes do gol, aos dez minutos, a defensa salvou un disparo de José Ramón, como volvería acontecer contra o minuto vinte.
No medio das dúas, a única aproximación do Barbadás que tivo como protagonista a Robert. O seu disparo foi sacado pola zaga local.
No minuto 23 rompeuse o partido. José Ramón controlou perto do bico da área, fixo o drible a, na saída do mesmo, foi derrubado por Kevin Ferreira. Iván lanzou o penalti, Borja atinou, rexeitando o xute, pero o propio Iván foi quen primeiro chegou ao balón alto para mandalo á rede dunha cabezada.
O gol obrigou ao Barbadás a estirarse e tivo a opción de empatar nunha falta lanzada por Nespereira a uns pasos da media lúa. O coiro estrelouse contra a barreira.
O Arteixo, máis cómodo sobre o campo, apertou ao rival na parte final do período, No minuto 44, Pablo Martínez entrou á contra até a liña de fondo, Otero seguiuno e, co peito, cazou o centro do segundo punta para cruzar o coiro lonxe das mans de Borja.
O Arteixo manda sen esforzo
O Arteixo controlou tamén o partido desde o comezo da segunda metade. O primeiro cuarto de hora do mesmo pasou sen incidencias alén de dous achegamentos locais sen consecuencias.
O primeiro disparo a gol foi de Pablo Martínez, desde o borde da área, que Borja parou axeonllándose. Dous minutos despois, no 62, o meta visitante alargou os brazos para prolongar o coiro por riba da trabe tras un remate de Rubén Martínez.
Despois das primeiras substitucións presentouse a segunda grande ocasión para Otero. Chegou ben ao pase profundo para especular sobre a saída de Borja, pero o meta adiviñou as intencións do atacante e rexeitou a pelota tapando o centro.
Non errou Raúl Melo no minuto 83. Tirou o desmarque cara á súa dereita antes de recibir o balón profundo en diagonal servido por Rojo. Sen desgaste, pois acababa de entrar, colleuno con suficiente ángulo, pero non esperou ao ver a saída desesperada de Borja e meteulle a pelota polo medio das pernas camiño da rede.
O partido deixou tres puntos en Ponte dos Brozos, que fan ao Arteixo afastarse outro pouco da zona de descenso. O Barbadás, pola súa banda, segue mergullado nela malia os folgos collidos na xornada anterior, cando derrotaron ao Noia.
Ficha
SÁBADO 14/02/2026 (18,00) Campo: PONTE DOS BROZOS (300)
AT. C. ARTEIXO : 3 – U.D. BARBADÁS : 0 (2‑0)
ART : Carlos; Barrocal, Casas (Hugo García 71’), Tomé, Iván (Marcos 63’); Rubén Martínez, Queijeiro (Rojo 81), Pablo Martínez (Raúl Melo 71), Fabio, José Ramón; Otero (Lamas 81’). Tre. Posi. (Banco: Hevia (g); Álvaro; Iker; Naya).
BRB : Borja; Kevin Ferreira, Pablo Corzo, Poch, Nespereira (Cougil 69’); Pablo Ruiz, Marcelo Faria (Mano Tatá D), Soriano (Carlos Villar D), Toño, Róbert; Iker (Brainsky 77’). Tre. Monchín Salgado. (Banco: Tapias (g)).
Goles: 1-0 Iván 24’; 2-0 Otero 44’; 3-0 Raúl Melo 83’.
Árbitro: Castro Castro (Galiza-Santiago). Auxiliares: Castro Sanmartín e Taboada Doval.
Disciplina: CA: Pablo Corzo 23’; Marcelo Faría 32’; Casas 42’; Iván 43’; Poch 73’ / Posi (tre. ART) 80’.
NOTAS: 24’ Borja rexeita un penalti lanzado por Iván, que marca logo do rebote.
Foto: O Barbadás foi inferior ao At. Arteixo. © 21noticias.com