Néstor Rego urxe o executivo a reparar de maneira inmediata o tramo máis deteriorado da estrada ao seu paso por Curtir e poñer en marcha un plan integral.
O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno do Estado que acometa, dunha vez por todas, unha reforma integral da estrada N-634, especialmente no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 664 e 677, á altura de Teixeiro, no concello de Curtis, así como a mellora urxente do cruzamento coa AC-840 en Sesmonde, no concello de Vilasantar.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia o rexistro de iniciativas na cámara baixa para exixir “actuacións estruturais e investimentos suficientes” que garantan a seguranza viaria nunha das principais vías de comunicación do interior da Galiza. Rego, acompañado pola deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Iria Carreira, tamén responsábel comarcal, así como polos portavoces do BNG en Curtis e Vilasantar, Lucas Quintas e Álvaro García.
Un firme impracticábel e perigoso en Curtis
O BNG denuncia que o estado actual da N-634 en Curtis é “absolutamente inaceptábel”. O tramo que vai do punto quilométrico 664 ao 677 presenta un firme cheo de fochancas e buratos que obriga as persoas condutoras a realizar manobras arriscadas, mesmo invadindo o carril contrario para evitar danos maiores.
Néstor Rego advirte que “o Ministerio de Transportes non pode seguir mirando cara a outro lado mentres a veciñanza soporta unha estrada desfeita que pon en risco a súa seguranza cada día”. Segundo sinala, os desprendementos do asfalto están a provocar danos continuos nos vehículos, con roturas de rodas e cristais, ademais de avarías mecánicas.
O deputado nacionalista reclama que o Goberno recoñeza o grave deterioro da vía e que faga públicas as inspeccións realizadas, de existiren, así como os seus resultados. “Non abonda con parches puntuais ou cun simple repintado superficial, como xa se fixo no pasado. É necesario un Plan de rehabilitación integral que actúe sobre a estrutura do firme e garanta unha solución duradeira” reivindica Rego.
A N-634, explica o nacionalista, constitúe unha vía fundamental de comunicación entre a comarca de Santiago e o nordés do país, vertebrando concellos como Curtis, Guitiriz, Vilalba, Mondoñedo ou Ribadeo. O BNG lembra ademais que, segundo o último informe da Asociación Española da Estrada, a Galiza é dos territorios do Estado con peor estado de conservación na rede viaria estatal, o que evidencia a falta de investimentos suficientes.
Mellora inmediata do cruzamento en Sesmonde
Xunto ao estado do firme, o BNG pon o foco na perigosidade do cruzamento da N-634 coa AC-840 en Sesmonde, no concello de Vilasantar, no límite con Curtis, tanto polo seu trazado como polo mal estado do firme. “Trátase dunha actuación comprometida hai anos mais que continúa sen executarse” recorda o deputado do BNG no Congreso.
“Resulta incomprensíbel que unha obra de escasa complexidade técnica e custo reducido continúe paralizada mentres a veciñanza e as persoas usuarias da vía sofren a diario unha intersección perigosa” denuncia Rego mentres urxe o Goberno a garantir investimentos suficientes para levar a cabo esta actuación que implicará unha importante mellora na seguranza viaria.