Arde Lucus: Máis de 300 actividades para celebrar 25 anos dunha festa que xa forma parte da identidade de Lugo

Elena Candia: o noso goberno ten un reto,queremos que o valor do que definimos como un dos patrimonios inmateriais que ten a cidade (o Arde Lucus) teña presenza os 365 días do ano; aproveitaremos a investigación e o traballo das Asociacións de Recreación histórica dándolles un espazo físico no MIHL.

O goberno de Lugo presentou a programación do Arde Lucus 2026 nun escenario especialmente simbólico: a contorna da Catedral, aos pés da Muralla e no trazado do Camiño Primitivo, o punto onde conflúen os tres patrimonios mundiais que distinguen á cidade. A elección deste espazo responde á vontade de vincular a celebración coa historia, o patrimonio e a identidade de Lugo, elementos que dan sentido a unha festa que durante catro días transformará a cidade na antiga Lucus Augusti.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, acompañada polos concelleiros de xuventude e deportes, Damián Carballo, de Cultura e Educación, Javier Vázquez e de turismo e museos, Agustín Gallego, así como representantes de diferentes asociacións de recreación histórica deron a coñecer unha programación especial para conmemorar o XXV aniversario da festa, unha edición bautizada como Annus Argenteus que volverá converter as rúas da cidade nun gran escenario de recreación histórica.

O programa reúne máis de 300 actividades ao longo de catro xornadas e inclúe recreacións históricas, desfiles, espectáculos de rúa, concertos, obradoiros, actividades infantís, exposicións e propostas participativas repartidas polos distintos campamentos e espazos da cidade.

Entre as novidades desta edición destaca a incorporación de Celtica Pipes Rock e Grimorium á programación musical. Celtica Pipes Rock actuará o sábado pola noite na Praza de Santa María cun espectáculo que fusiona música celta e rock, mentres que Grimorium achegará ao Arde Lucus unha proposta escénica baseada na percusión, o lume e a animación de rúa. Xunto a eles, Abraham Cupeiro será o encargado de poñer o broche final á programación musical da festa o domingo.

Outra das novidades será a ampliación do Circus Maximus, un dos actos máis multitudinarios da celebración, que nesta edición contará cunha terceira sesión nocturna para facilitar a asistencia do público e ampliar a oferta de espectáculos.

Entre os actos máis destacados figuran a chegada das lexións romanas e o acendido do lume sagrado de Vesta, que marcarán o inicio da festa o xoves; a Asemblea Galaica e a Declaración de Guerra; a recepción de tropas e tribos estranxeiras; o gran desfile de tropas romanas e tribos castrexas arredor da Muralla; o Nacemento dun pobo galaico-romano; os bautismos e vodas celtas; as sesións do Senado; o Asalto ao Monte Medulio; as loitas de gladiadores e o apagado do lume sagrado que pechará a celebración o domingo pola noite.

A dimensión internacional volverá ser unha das características desta edición. Lugo recibirá agrupacións procedentes de distintos puntos de Galicia, Asturias, León, A Rioxa, Cartaxena e Romanía, que participarán na recepción oficial de tropas e tribos estranxeiras e noutras actividades da programación.

A música, a percusión, o teatro e os espectáculos itinerantes volverán ter unha presenza destacada da man de compañías como Tambukada, Tympana Galaica, Vulcano, Malatitsch, Kaltie, Trip Malabar e outras formacións que percorrerán as rúas do centro histórico ao longo de toda a celebración.

Podedes descargar nesta ligazón o programa do Arde Lucus 2026 https://ardelucus.com/programa/


Comparte éste artículo
No hay comentarios