Lara Lois e Ángel Maneiro aumentan a súa colección de títulos autonómicos co de BTT Resistencia

Seijas-González, Martínez-Iglesias e Pintos-González adxudicáronse as coroas por parellas no Campionato de Galicia disputado en Vilagarcía.

O primeiro Campionato de Galicia do ano 2026 foi unha festa. Case 300 bikers reuníronse o domingo de Entroido en Vilagarcía para pedalear no autonómico de BTT Resistencia que o Arousa Bike, club organizador do evento en colaboración coa Federación Ciclismo Galego (FCG), encheu de alicientes máis alá de poñerse en xogo títulos en 19 categorías. Nunha xornada que comezou con ‘chocolatada’ e rematou con degustación de callos, Lara Lois (Xesteiras) e Ángel Maneiro (Toxo) saborearon uns triunfos absolutos que aínda non formaban parte das súas variadas cartas de éxitos. 

A elite grovense e o elite noiés cruzaron xuntos a liña de meta cando o cronómetro marcaba 2 horas 52 minutos e 20 segundos dende que se dera a saída á terceira edición da 3H Resistencia Vilagarcía. Nun circuíto deseñado nas ladeiras do monte Xiabre, esixente e lixeiramente enlamado, Lara Lois foi a única muller que sumou nove voltas. Deste xeito, a corredora do Xesteiras engadiu a coroa da especialidade de BTT das 3 horas a unha colección na que conta coas camisolas de Galicia de XCO, XCM e Estrada. Un palmarés do máis completo no que sobresae o Campionato de España de XCO no 2023.

A segunda posición feminina correspondeu á subcampioa elite Raquel Román (Extol-Zambora.es), con oito parciais e 49 segundos de vantaxe respecto á vencedora sub-23 Noa Rodríguez (Creto Bikes). O mesmo número de voltas asinaron a terceira elite Rebeca Muñoz (Xesteiras) e a cuarta Rebeca Fontela (Máis Que Bicis), separadas por 28”, e a segunda clasificada sub-23 Laura Mira (Team Farto-BTC), sexta na táboa absoluta. Nas outras categorías de mulleres subiron ao máis alto do podio a júnior Nerea Sánchez (Xesteiras), a máster-30 Amira Simón (Tríatlon Atlántico), a máster-40 Tamara Santos (VK Bikes) e a máster-50 Mónica Campagna (Ancares Bikes). 

Favorito

O título galego de BTT Resistencia que tiña Ángel Maneiro ata o momento era o sub-23 acadado no 2022, na primeira edición deste campionato. Gañador absoluto esta temporada nas tres probas da Copa Galicia nas que participou, o ciclista de Noia era o principal favorito, pero en Vilagarcía non o tivo nada doado para cumprir cos prognósticos. O representante do Toxo, vixente campión autonómico de Estrada,impúxose con 11 voltas e 1:11 de marxe sobre Diego Álvarez (Podium Team) despois de rachar a carreira no quinto parcial.

Daniel García (Xesteiras), a 2:34 do gañador, bateu por 22” a Rubén Deaño (Ourense Termal) nun duelo do máis axustado pola terceira praza. Jorge Pérez (ODL Team) fixo quinto superando por 1:42 a IagoCarou (Toxo), con quen se xogou a medalla de ouro sub-23. Once voltas tamén acumularon o elite Ignacio Casal (Extol-Zambora.es) e dous novos campións nas súas categorías, o júnior Marco Núñez (Teis) e o máster-40 Manuel Casuso (Xesteiras). O cadro de vencedores individuais completárono o máster-30 Óscar Pino (Xesteiras), o máster-50 Diego Álvarez (Aerodynamics) e o máster-60 Manuel Rodríguez (Atlético Aguzo). Este último, ao non ser galego, non optaba á coroa do Campionato e a do grupo de idade dos máis experimentados recaeu en Darío Buceta (Farto).

Parellas

Ninguén repetiu título na mesma categoría, tampouco nas carreiras de remudas por parellas. Nas mixtas dominaron Tamara Seijas (Xesteiras) e Estefan González (Maceda) dominaron por 5:31 de diferenza en relación a Irene Trabazo e Martín Díaz nunha pugna a 10 voltas. Dous pasos menos pola meta realizaron Carla Vilouta e Samuel Tomé (Toxo), que ocuparon o terceiro chanzo do caixón. Máis emoción houbo na proba masculina con José Manuel Pintos (Cortizo) e Óscar González (Máis Que Bicis) dobregando por 1:26 a Ismael González (ODL Team) e Jacobo Ucha (FCG), e por 1:41 a Juan Rey e Carlos Paz (As Pontes) noutra batalla a 10 xiros ao circuíto. En canto aos dúos femininos, só participaron ElisabethIglesias e Gemma Martínez (Gallardo Armenteira), que se proclamaron campioas con seis parciais. 

A competición cadete por parellas disputouse a 2 horas de duración. Marta Utrera e Breográn Cutrín(Xesteiras) encabezaron a clasificación mixta; Pedro Cidrás (XSM) e Hugo Rodríguez (Teis), a masculina; e Lara Fernández (Cambre) e Carla Hermida (Náutico Narón), a feminina. 

A campaña de BTT Resistencia, na que por primeira vez o Campionato de Galicia se celebrou na provincia de Pontevedra, non concluíu con esta cita. Aínda resta a clausura do Copa Galicia. A sexta e última xornada puntuable deste certame terá como escenario a localidade coruñesa de Muros este vindeiro domingo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios