NORAVES achega solucións ás capturas accidentais de aves mariñas en Galicia, Asturias e Cantabria

O Castelo de Santa Cruz (Oleiros) acolle hoxe unha xornada de presentación de resultados do proxecto.

O CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) acolleu hoxe no Castelo de Santa Cruz (Oleiros) unha xornada monográfica centrada na redución das capturas accidentais de fauna mariña asociadas á actividade pesqueira. O encontro serviu para presentar os principais resultados do proxecto NORAVES e favorecer a creación de sinerxías con outros proxectos do Programa Pleamar que abordan esta mesma problemática.

NORAVES é un proxecto coordinado polo CEIDA xunto ao Centro Oceanográfico da Coruña (IEO-CSIC), SEO/BirdLife e a cooperativa Cory’s, desenvolvido durante ano e medio na demarcación mariña noratlántica, que abrangue as costas galegas e cantábricas.

As aves mariñas están consideradas actualmente o grupo de aves máis ameazado do planeta. Entre as principais presións que as afectan atópase a captura accidental en artes de pesca (bycatch). Aínda que resulta complexo establecer cifras exactas, un estudo publicado en 2024 por The Zoological Society of London estima que arredor de 200.000 aves mariñas son capturadas accidentalmente cada ano en augas europeas.

Ante este escenario, NORAVES abordou a problemática desde un enfoque científico, innovador e colaborativo co sector pesqueiro, buscando solucións que reduzan o impacto ambiental sen afectar de forma significativa á actividade dos profesionais do mar. Para iso, desenvolveu unha estratexia baseada en catro grandes liñas de traballo: a modelización espacial da actividade pesqueira e das aves mariñas, a avaliación do alcance das capturas accidentais, a experimentación de medidas de mitigación e a participación activa do sector pesqueiro.

Mapas de interacción aves–pesca por primeira vez na demarcación noratlántica

O Centro Oceanográfico da Coruña (IEO-CSIC) elaborou unha representación avanzada da distribución espacial e temporal do esforzo pesqueiro na demarcación mariña noratlántica, mediante a análise de datos da frota de altura e de información facilitada pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia para embarcacións de baixura. Paralelamente, Cory’s desenvolveu modelos de distribución espacial de cinco especies de aves mariñas na Demarcación Mariña Noratlántica a partir de datos de dispositivos GPS-GSM de última xeración. Estes dispositivos, de poucos gramos de peso, instálanse temporalmente nas aves e rexistran en tempo real os seus movementos, posicións GPS e patróns de mergullo. Analizáronse datos de 33 individuos de gaivota patiamarela e pardela cincenta —reprodutoras na costa galega—, así como pardela balear, pardela capirotada e mascato atlántico, equipadas en alta mar.

O cruzamento dos modelos espaciais de aves e frota pesqueira permitiu xerar, por primeira vez, mapas das principais zonas de interacción entre ambas, unha ferramenta clave para orientar futuras políticas de xestión pesqueira sustentable.

Avaliación do bycatch, probas piloto e próximos pasos

Para avaliar o alcance das capturas accidentais, o proxecto combinou diversas fontes e metodoloxías: análises realizadas por SEO/BirdLife de 300 enquisas ao sector pesqueiro de Galicia e o Cantábrico e do seguimento de máis de 20 embarcacións con cadernos de pesca, así como 115 embarques con observadores científicos en pesqueiros realizados entre 2023 e 2025 por Cory’s e o CEIDA, ademais da recompilación de información procedente de distintos axentes públicos e privados. Así mesmo, desde o IEO-CSIC elaborouse un protocolo de rexistro de datos de bycatch que permitirá recompilar nova información e calcular estimacións máis robustas.

Un dos eixos máis relevantes do proxecto foi a experimentación directa de medidas de mitigación en colaboración con embarcacións pesqueiras. No Golfo Ártabro, o CEIDA avaliou modificacións en redes fixas —principalmente trasmallos— para aumentar a súa visibilidade no fondo mariño e mellorar a súa detectabilidade por parte de aves mergulladoras. Pola súa parte, SEO/BirdLife estudou en pesqueiros das Rías Baixas o efecto de cometas espantapaxaros para reducir as interaccións de gaivotas con artes de anzol, dirixidas á pesca do congro.

A implicación do sector pesqueiro foi un piar fundamental de NORAVES. Ao longo do proxecto desenvolvéronse 10 eventos participativos e formativos, ademais dunha enquisa en liña, que permitiron integrar o coñecemento directo da xente do mar na proposta de solucións.

Como resultado do traballo desenvolvido, faranse chegar ás administracións competentes propostas de xestión en ámbitos como a identificación de áreas de risco de interacción ou a implantación de medidas de mitigación, co obxectivo de abordar de maneira eficaz a problemática das capturas accidentais.

Sobre o proxecto NORAVES

NORAVES desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecolóxica y el Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, e se cofinancia pola Unión Europea polo FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura). NORAVES é froito da colaboración de catro entidades punteiras: o Centro Oceanográfico da Coruña (IEO-CSIC), a ONG SEO/Birdlife, a cooperativa Cory’s e o CEIDA como entidade coordinadora.

Sobre o CEIDA

O CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, é un consorcio conformado pola Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña e o Concello de Oleiros que leva máis de 20 anos sendo o Centro de Referencia para a Educación Ambiental en Galicia. Ten a súa sede no Castelo de Santa Cruz e na actualidade entre os proxectos que xestiona está o proxecto NORAVES.

Comparte éste artículo
No hay comentarios