As actuacións buscan reparar os danos provocados polas intensas chuvias das últimas semanas e mellorar a seguridade viaria no municipio.
O Concello de Noia iniciará o vindeiro luns 23 de febreiro o seu programa de bacheo nas estradas municipais, co obxectivo de reparar os danos ocasionados polas intensas chuvias rexistradas nas últimas semanas e garantir unha maior seguridade na rede viaria local.
Ademais dos traballos de asfaltado, as actuacións incluirán tamén a reposición de sinais tiradas polo vento e a reparación de baldosas deterioradas en diferentes puntos do municipio.
O tenente de alcalde, Manolo Seijas, explicou que existen dous operativos contratados para iniciar as intervencións de forma inmediata. “É necesario agardar a que o terreo estea o máis seco posible para garantir que os traballos sexan efectivos e non caian en saco roto”, sinalou.
Os traballos consistirán no fresado e apisonado dos baches, co fin de que queden o máis firmes e duradeiros posible, contribuíndo así a mellorar a seguridade viaria e a conservación das infraestruturas municipais.
Seijas quixo tamén agradecer a colaboración da veciñanza a través do programa municipal de avisos, que permitiu detectar numerosos baches, incluídos algúns situados en estradas de titularidade autonómica. Neste sentido, indicou que está a preparar un informe para remitilo á Xunta de Galicia, co obxectivo de que a administración autonómica asuma as súas competencias nas vías correspondentes.
Por outra banda, o tenente de alcalde sinalou que agarda unha pronta resposta de Portos de Galicia en relación co estado da madeira do paseo marítimo.
O Concello de Noia reafirma así o seu compromiso co mantemento das infraestruturas municipais, así como coa mellora continua da seguridade e calidade dos espazos públicos.