O PP denuncia a incoherencia do BNG que di “non asistir” aos actos do 8M pola crise institucional no Concello tralo caso Tomé, pero “o mércores subiron con el ao palco do Entroido”

Katy Varela esixe aos edís nacionalistas “máis traballo por Monforte e a veciñanza e menos demagoxia” xa que “a súa presenza no palco do Entroido non era obriga, pero sempre que poden están ao carón de José Tomé”: “Hai que ser feminista os 365 días do ano, non só no 8M”.

 Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte critican a postura do voceiro municipal do BNG que “mentres anuncia que non vai a participar dos actos do 8M ante a situación na que se atopa o Concello trala denuncia contra José Tomé por presunto acoso sexual, onte mesmo subiu ao palco no peche do Entroido da cidade con el e os concelleiros de goberno”.

A voceira popular en Monforte, Katy Varela, amosou a súa sorpresa “por esa actitude contraditoria” dos concelleiros do BNG. “Onte mesmo dende o BNG anunciaban nunha nota de prensa que non participarían dos actos do Concello referentes ao 8M trala crise institucional orixinada no concello polas denuncias de presunto acoso sexual de José Tomé, pero tamén o mércores, durante a celebración do enterro da Sardiña, mesmo subían ao palco do Entroido con el”, denunciou.

A popular afirma que “hai que ser feminista todos os días do ano, non só o 8M”.

Katy Varela sinala que “dende o Grupo Municipal temos moi claro que naqueles actos, como plenos ou comisións, nos que non temos máis remedio que participar co señor Tomé, si que estaremos, pero noutro tipo de actos, a pesar de ser institucionais, non participaremos por coherencia”. “Para volver a tratar ao alcalde non normalidade necesitamos que se aclaren as acusacións vertidas sobre a súapersoa e vemos necesario que acuda ao xulgado a defender a súa honra e dignidade como alcalde de Monforte”.

Neste senso, insta aos edís do BNG “a facer menos demagoxia e a pensar máis no crecemento de Monforte e na mellora das condicións de vida dos monfortinos”.

Katy Varela insiste en que “participaremos dos actos nos que sexa obrigada a nosa asistencia, pero nos demais non; polo que os concelleiros do BNG deberían de demostrar máis sentido común e menos demagoxia”, insistindo en que “O dia do enterro da Sardiña non era necesario que subisen ao palco dos actos de Entroido, pero alí estiveron ao carón de Tomé, algo que fan sempre que poden”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios