A Mostra celebrarase entre o 10 e o 15 de marzo en Santiago de Compostela.
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) inicia unha nova etapa e anuncia as datas da súa próxima edición en Santiago de Compostela – do 10 ao 15 de marzo – marcada pola incorporación do colectivo Memoria e Cinema á dirección do festival e pola presentación dunha nova imaxe gráfica.
Ao longo de dúas décadas, Ana Estévez liderou este proxecto avalado por case 800 cineastas e profesionais do cinema e máis de 20.000 espectadores. Neste tempo, a MICE serviu de plataforma para novas e novos creadores, acompañándoos na consolidación da súa traxectoria profesional ao longo das sucesivas edicións. Esta vontade reflíctese tamén na renovación da directiva, que se constrúe desde unha relación continuada co propio festival. Nos últimos anos, integrantes de Memoria e Cinema viñeron colaborando coa anterior dirección, encabezada por Ana Estévez, en distintos ámbitos da MICE, especialmente na programación de retrospectivas e focos monográficos —como os dedicados a Cecilia Mangini, Carolina Astudillo ou Laila Pakalnina—, así como noutros traballos do equipo organizativo.
A MICE é, sen dúbida, un festival singular no panorama galego e un dos poucos no Estado español centrados especificamente no cinema etnográfico e na antropoloxía visual. Mantén un firme compromiso cunha programación internacional que entende o audiovisual como unha práctica artística, cultural e tamén de pensamento, atenta á diversidade social e cultural, á memoria colectiva e aos modos de vida contemporáneos. Este enfoque tradúcese na aposta por expandir e visibilizar un cinema que explora historias humanas, que conecta ás persoas coas súas raíces e coas doutros pobos, e que, ao mesmo tempo, funciona como ferramenta para preservar e transmitir tradicións.
A incorporación de Memoria e Cinema á dirección responde á vontade de reforzar esta liña desde unha perspectiva máis contemporánea, ampliando os diálogos do festival co presente sen modificar os seus fundamentos editoriais. O colectivo está formado por cineastas que traballan arredor da memoria, a historia e o patrimonio a través do audiovisual e doutras prácticas artísticas, cunha traxectoria que dialoga de forma directa cos eixes centrais da MICE.
A renovación da dirección vén acompañada tamén dun novo concepto para a imaxe gráfica do festival. Nesta 21ª edición contaron co estudo Novagarda (Santiago de Compostela) apostando por unha idea central: o rexistro da imaxe real como materia viva e en transformación. A disposición tipográfica, coa repetición expandida de “MICE” ao longo da superficie, suxire encontro, tránsito e conexión.
O cinema etnográfico na MICE funciona como un espazo de creación e innovación no que a antropoloxía serve de método para pensar o presente. As obras parten da observación da realidade para experimentar coa forma e coa linguaxe cinematográfica, abrindo novas maneiras de mirar os territorios e as relacións sociais contemporáneas.
Ao longo das próximas semanas, a MICE dará a coñecer os detalles da programación desta edición, así como as actividades paralelas e as propostas dirixidas tanto ao público xeral como aos profesionais do sector.