O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentou en rolda de prensa o proxecto de «nova mobilidade» no que está a traballar a área de Mobilidade e Infraestruturas para «continuar a transformar a mobilidade na cidade de Lugo». Arroxo explicou que este proxecto baséase no transporte público urbano, transporte rural a demanda e vieiros escolares como «piares clave» nos que pode actuar o Concello, que se complementan co transporte interurbano xestionado pola Xunta de Galiza.
Rubén Arroxo comezou polo proxecto «máis potente» no que está a traballar a Tenencia de Alcaldía, o novo proxecto de transporte urbano. Arroxo comezou facendo balance do ano 2025, «xa aconteceu no 2024 e tamén no 2025 batimos todos os récords de usuarios de transporte público», afirmou Arroxo. Malia todo, «dixemos en todo momento que se queríamos seguir potenciando o uso do transporte público, as liñas eran insuficientes e teñen eivas provocadas principalmente por dúas cuestións», explicou Arroxo, que engadiu «a primeira, a antigüidade do contrato, que ten un problema co tope de quilómetros e que impide cubrir todas as zonas da cidade sobre as que hai demanda». A cuestión da antigüidade do contrato e da limitación de quilómetros impide cubrir barrios como a Abella, Lamas de Prado ou as Gándaras, ademáis, cuestións tecnolóxicas como publicar as liñas a través de aplicacións de mapas «eran cuestións que no 2012-2013, cando se redactaron os pregos, non se contemplaban».
«Hoxe en día imos a calquera cidade e podemos observar as liñas de buses en Google Maps e outras aplicacións similares, algo que nos resulta moi cómodo, porque nin sequera temos que descargar unha aplicación, isto cando se redactaron os pregos actuais non se concibía, entón é normal que non apareza».
Sobre o procedemento de renovación, Arroxo anunciou que a previsión é rematar co actual contrato este mes de xuño «e facer unha prórroga temporal duns meses mentres se leva adiante o procedemento de adxudicación do novo contrato». O novo proxecto de bus urbano construirase a través dunha serie de xuntanzas abertas coas veciñas e veciños de Lugo, sendo a primeira esta mesma tarde coa veciñanza de Nadela «que vai máis ligada á modificación puntual que permite que Nadela duplique as conexións en bus, pero na que tamén falaremos do modelo futuro», explicou Arroxo.
Ademáis, o Tenente Alcalde convocou á veciñanza ás vindeiras 5 xuntanzas nos distintos barrios:
– 24.02 ás 18:30 no Centro de Convivencia Maruxa Mallo,
– 25.02 ás 19:30 no Centro de Convivencia Uxío Novoneira,
– 27.02 ás 18:30 no Centro de Convivencia María Balteira,
– 02.03 ás 19:30 no Centro de Convivencia de Fingoi e
– 03.03 ás 19:30 no Centro de Convivencia Aquilino Iglesias Alvariño
A maiores, Arroxo anunciou que o correo mobilidade@lugo.gal «para recibir as suxerencias de toda a veciñanza que non se poida achegar ás xuntanzas», que estará aberto ata o 15 de marzo.
«Unha vez que teñamos recopilada toda esta información, presentaremos unha primeira proposta de futuras liñas de bus urbano», explicou Rubén Arroxo. A previsión da Tenencia de Alcaldía é facer esta presentación antes do remate de marzo «para que a veciñanza poida tamén facer suxerencias ao proxecto completo durante a segunda quincena de marzo». Unha vez o proxecto de liñas sexa definitivo, a Tenencia de Alcaldía comezará co proceso de redacción de pregos. «Necesitamos ter primeiro o modelo de liñas, porque senón non poderiamos cuantificar o custo de saída que vai ter o contrato, precisamos ter o quilometraxe teórico desas liñas», explicou Rubén Arroxo, que engadiu «o novo contrato vai ter a posibilidade dun incremento de quilometraxe posterior, sendo conscientes de que durante os vindeiros anos a cidade seguirá a cambiar». Arroxo explicou que a posibilidade de ampliación está lista para responder «a que nun futuro se empece a edificar en novas zonas da ciade e sexa necesario atender con buses a estas novas vivendas».
«O obxectivo é comezar a licitación á volta dos meses de verán e tratar de adxudicar antes de final de ano», dixo Rubén Arroxo, en relación á previsión coa que traballa a área de Mobilidade. Arroxo lembrou que estes prazos poden ser alongados «debido a recursos ou a outras cuestións administrativas, pero o obxectivo é chegar a estas datas», explicou.
A Tenencia de Alcaldía seguirá traballando «para que o bus urbano siga incrementando de usuarios, no ano 2025 superouse por primeira vez a cifra de 10.000 usuarios nun día, e queremos normalizar esa cifra de forma diaria». Para isto, a Tenencia de Alcaldía traballará en «dar boa conexións aos barrios, ademáis de conexións sinxelas, garantindo a frecuencia dos 30 minutos e reducindo a frecuecia nos eixos principais da cidade, que agora mesmo está en 12 minutos»
Arroxo continuou a súa intervención destacando «a boa posta en marcha» do plan piloto de transporte rural a demanda, que funciona «de luns a venres en días laborables». Segundo o tenente alcalde «está tendo máis exito incluso que as previsións», debido a que contou con usuarias todos os días desde a posta en marcha. «Este plan é unha proba coa intención de máis adiante sacar un prego para ampliar e cubrir distintas zonas do rural», explicou Arroxo. Actualmente, o rural de Lugo conta con 11 parroquias cubertas coa liña rural do bus urbano e outras 3 cubertas coa liña 3.2. «Hai varias que están cubertas con distintas liñas de transporte interurbano, como poden ser as que percorren a estrada de Friol, as que van pola estrada de Portomarín, ou as que van pola estrada de Ombreiro ou da Fonsagrada». Arroxo afirmou que «neste pleno municipal tamén levamos unha eh moción para instar á Xunta a incrementar as liñas, dado que estas liñas, como a que pasa por Ombreiro, a que pasa pola zona do Veral e Santa María Alta, só ten tres frecuencias ao día», e engadiu «é un asunto de xustiza, porque lograríamos pois que a práctica totalidade das parroquias do concello de Lugo, poderemos ter tanto co transporte a demanda como co bus interurbano unha cobertura importante con transporte público».
Por último, Arroxo destacou como outro piar das novas mobilidades o proxecto de vieiros escolares. «Comezamos este proxecto hai xa 3 anos e medio e hoxe en día hai 80 nenos e nenas camiñando ao colexio cos seus monitores», dixo Rubén Arroxo, que engadiu «estamos avanzando, intentando incrementar os centros da man das ANPAs porque cada cada neno ou nena que vai con monitor é un coche menos nas portas dos colexios e, polo tanto, pois tamén estamos reducindo os problemas de tráfico e de seguridade nas contornas escolares». Isto tamén vai ligado pois a todo o traballo que se fixo e se segue a facer a respecto do calmado do tráfico nos entornos escolares. Rubén Arroxo lembrou as intervencións de Gallego Tato, diante do Colexio Rosalía ou o que se está a facer agora nas Mercedes «e que continuará na contorna da Anexa, e o que se prevé facer nos nestes orzamentos no entorno do colexio Illa Verde». Arroxo afirmou que a Tenencia de Alcaldía seguirá «mellorando esta situación porque estamos nun momento clave no que a mobilidade de Lugo está cambiando e é indispensable seguir a fomentar este cambio».