A programación continuará pola tarde na Praza de San Marcos con obradoiros de educación ambiental dirixidos aos máis cativos e cativas que realizarán manualidades relacionadas coa contaminación dos plásticos.
O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, xunto aos Deputados de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, inaugurou este venres nos corredores do Pazo de San Marcos a mostra fotográfica organizada pola institución provincial con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. A exposición reúne 11 imaxes das persoas usuarias dos Centros de Atención a Maiores da Deputación que participaron, nos últimos meses, na programación de actividades medioambientais impulsados pola propia institución. Na apertura desta mostra, que estará dispoñible ata o próximo venres 12 de xuño, Carlos López estivo acompañado por usuarios e usuarias das residencias provinciais.
Carlos López sinalou que “desde o servizo de Medio Ambiente e en colaboración co de Benestar Social organizamos cada ano unha serie de obradoiros nestes Centros co obxectivo de fomentar a creatividadedos maiores, a través de actividades manuais, ao tempo que promovemos o coidado e o respecto polo medio ambiente”. Nese sentido, recalcou Carlos López que se realizaron obradoiros de cestería, antigos oficios ou actividades relacionadas con plantas medicinais e aromáticas, entre outras propostas.
Avanzou tamén que “esta iniciativa forma parte da estratexia que leva a cabo a Deputación pola protección da contorna natural” e fixo especial fincapé en que “o noso compromiso por concienciar á cidadanía mantense durante os 365 días do ano”. Definiu a provincia de Lugo como “única”, posto que conta con máis do 80% do territorio declarado Reserva da Biosfera e recalcou que “dende a Deputación xestionamos a de Terras do Miño e a de Ancares Lucenses e Montes de Navia e Becerreá coa premisa de compaxinar a protección do medio ambiente co desenvolvemento sostible do territorio”.
Obradoiros de educación ambiental
Para conmemorar esta xornada, que se celebra cada 5 de xuño, a institución provincial organiza tamén unha serie de actividades para os máis cativos e cativas que terán lugar esta mesma tarde, a partir das 17:00 horas, na Praza de San Marcos. Os nenos e nenas participantes realizarán manualidadesrelacionadas coa contaminación dos plásticos para conciencialos na importancia da reutilización dos residuos e fomentar a súa creatividade coa produción de obxectos decorativos.