O Ineltrón Santo Domingo visita o líder

O Oposita Marín Ence Peixegalego espera na Raña.

Segundo partido consecutivo contra rivais da parte alta da táboa. Se o domingo pasado o Ineltrón recibía a visita do terceiro clasificado do Grupo AB da Tercera FEB, o Universidade de Oviedo, co que sucumbiu por un claro 86-104, este sábado viaxa a Marín para medirse ao líder, un Oposita Marín Ence Peixegalego que, malia a súa inesperada derrota en Lugo a última xornada, segue encabezando a clasificación con tan só tres partidos perdidos en dezaoito xornadas. Os pontevedreses, que atesouran unha das plantillas máis contrastadas da categoría, veñen de sumar ao equipo ao coñecido exterior Antón Bouzán, que regresa á categoría logo de 9 temporadas en LEB Plata, en substitución do base italoamericano Jack Conell, e contan como máximos realizadores co nixeriano Olowokere (13,8 pp), co galego Souto Parrado (13,6 pp) e co neerlandés Kevin Van Wijk (11,3 pp). Xunto a eles completan a rotación xogadores de solvencia coma Cardito, Hugo Rey, Filgueira Buceta ou Darmell Hogan, o que fala ao cumprido da potencia do conxunto. Así valora o encontro José Amando Pena “Soviético”, adestrador dos betanceiros: “O partido contra Marín preséntase difícil e máis aínda cando veñen de perder en Lugo e necesitan a vitoria para seguir de líderes na clasificación. É un equipo con moito oficio, con xogadores de moita calidade e veteranía. Afrontamos a cita con ilusión e pouca presión, a ver se somos capaces de tapar os seus puntos fortes e desenvolver un xogo rápido que nos permita ter opcións de gañar”.

O encontro celebrarase no pavillón da Raña o sábado 21 ás 20h.

Xornada completa para o club tras o Entroido.

Polo demais, o resto do club afronta unha xornada repleta de partidos tras a axenda a medio gas do Entroido. As júnior de Infor-B volven á competición en Compañía de María, os masculino de Texas Controls en dobre sesión contra Montrove e Cambre C, e o cadete de Grelo contra Basquet Coruña U15 en Riazor. O J.Caamaño Arquitecto, o cadete de Primeira División, visita a difícil pista do Culleredo, as cadetes de Decornaveira reciben o Baxi Ferrol, mentres que os equipos infantís masculino e feminino, o Cyrdega e o Warnier, mediranse a Xiria e Montrove respectivamente. Regresan ás pistas os equipos premini e mini, e, no que toca aos equipos sénior, o Neón Tasca feminino viaxa a Arteixo, o masculino recibe a Adfra e La Goleta a Vila de Meira.

Comparte éste artículo
No hay comentarios