O PP de Vilalba condena un novo ataque vandálico contra o busto de Manuel Fraga

Sinalan que “isto é consecuencia da campaña contra a figura de Fraga que a esquerda, liderada polo BNG, retomou onte no Senado coa petición de retirada da súa imaxe na Cámara Alta”.

O PP de Vilalba manifesta a súa máis rotunda e enérxica condena ante o novo acto vandálico perpetrado contra o busto de Manuel Fraga, situado no noso municipio.

Desde o PP de Vilalba denuncian que non se trata dun feito illado, senón dunha reiteración inaceptable de ataques que evidencian unha actitude intolerante e profundamente antidemocrática. “Estamos ante condutas que non poden nin deben ter cabida nunha sociedade plural e respectuosa. A impunidade fronte a estes actos só alimenta a súa repetición”.

“Atentar contra un busto ou contra calquera símbolo público non é un simple dano material: é un ataque directo á convivencia, á pluralidade política e á historia compartida de todos os vilalbeses. Quen promove, xustifica ou minimiza estas accións está a cruzar unha liña vermella”, advirten.

Dende o PP de Vilalba tamén fan referencia ao intento de retirar o busto de Fraga do Senado: “O ataque no noso concello é consecuencia da campaña contra a figura de Manuel Fraga que a esquerda, liderada polo BNG, retomou onte no Senado coa petición de retirada da súa imaxe na Cámara Alta”.

Cómpre lembrar que hai tres anos a Mesa do Senado xa aprobou que o seu busto permanecese nas súas instalacións en recoñecemento a Fraga como un dos pais da Constitución. “Trátase dun acordo institucional adoptado democraticamente, que merece respecto e lealdade institucional”, afirman.

Por iso, desde o PP de Vilalba consideran “absolutamente incomprensible e irresponsable” que certos partidos estean a promover ou amparar iniciativas destinadas a boicotear a permanencia do busto de Fraga no Senado. “Non todo vale en política. Cuestionar acordos institucionais por sectarismo é unha mostra de falta de sentido de Estado e de respecto ás institucións e aos acordos que nelas se adoptan”.

Ademais, desde o PP de Vilalba agardan que o resto das formacións políticas condenen de maneira clara, expresa e sen ambigüidades este novo ataquevandálico. “O silencio ante un acto vandálico desta gravidade non é neutralidade: é complicidade. Quen non condena, ampara”.

Desde o PP de Vilalba subliñan que a discrepancia política é lexítima endemocracia, pero recalcan que “nunca pode traducirse en vandalismo, ataquesao patrimonio público nin campañas de confrontación. A intolerancia e o sectarismo non poden marcar a axenda do noso municipio”.

Finalmente, esixen que se depuren responsabilidades e que se adopten as medidas necesarias para garantir a protección do patrimonio público. “Reafirmamos o noso compromiso inequívoco coa defensa da legalidade, da liberdade e do respecto institucional, valores que deben prevalecer con firmeza fronte a calquera intento de división ou imposición ideolóxica”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios