O Marín Peixegalego non dá opción ningunha ao Ineltrón Santo Domingo

102-72: os betanceiros só aguantaron o primeiro cuarto.

A expedición betanceira sabía que era unha cita difícil (o Marín Peixegalego só perdera 3 partidos ata o momento) pero a esperanza, como decote se di, é o último que se perde. Porén, o vivido na noite de onte na Raña deixou ben claro o porqué de ocuparen os pontevedreses a primeira praza da liga. Quitando o primeiro cuarto, onde un 33-33 prexasiaba un partido con poucas defensas, en ningún momento o Santo deu sensación de poder competir un partido que, tras o parcial de 25-6 do segundo lance, xa estaba visto para sentencia.

Así valoraba o encontro José Amando Pena “Soviético”: “Non soubemos competir contra un equipo que demostrou ser superior ao noso, sobre todo nos rebotes e no tiro de tres. Un segundo cuarto con pouco acerto en ataque sentenciou o partido, a pesar da igualdade no primeiro no que ambos os dous equipos superamos os 30 puntos. Toca seguir traballando forte nos adestramentos de cara aos seguinres partidos”.

Pola parte das achegas individuais, nun encontro en que gañou quen mellor soubo xogar na tarde do sábado, 22 puntos e 26 de valoración para Abelleira, máis unha vez o máis destacado dos betanceiros, que se vai xa aos 20 puntos por partido, para acadar a terceira praza do ranking da competición, 12 para Latas, 10 para Santi González, que volve sumar bos números nestas útimas xornadas e 7 rebotes (e 2 puntos) para un Mori Cissoko que, de gañar confianza, pode aportar moitas cousas a este equipo.

A vindeira semana, todo un clásico: domingo 17h, visita do Traumacor Culleredo. Unha vitoria suporía un paso de xigante para a salvación nesta disputada 25/26 da Terceira FEB (antes liga EBA).

Comparte éste artículo
No hay comentarios