O PP de Monforte cualifica de “inaceptable” que dimita a edil de Igualdade mentres José Tomé “mantén a alcaldía e o salario público”

Katy Varela ve “preocupante” que quen deixe o Concello de Monforte sexa a concelleira de Igualdade, pero “aínda é máis preocupante” que sexa o fillo de Tomé quen entre na corporación (aínda que sexa o que marca a lista electoral) “porque está a agravarse a percepción pública de enchufismo, especialmente nun momento no que o Concello de Monforte está tan cuestionado pola xestión que José Tomé e o PSOE están a realizar destecaso”.

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte consideran “inaceptable” a actitude de José Tomé Roca, “quen semella disposto a levarse por diante a quen sexa” con tal de seguir á fronte do Concello de Monforte e cobrando un soldo do erario público, “sen asumir as responsabilidades políticas que lle corresponden polas acusacións vertidas sobre el”.

A voceira popular en Monforte, Katy Varela, explica que “sempre fomos claros” e “reclamamos dende o primeiro minuto, pola boa imaxe do Concello de Monforte e para que o José Tomé puidese defenderse libremente, a dimisión do alcalde, e non da concelleira de Igualdade, porque somos conscientes de que as acusacións recaeron sobre a figura do rexedor”. 

Katy Varela sinala que “pode que Margarita López estivese, ao igual ca nós, agardando a que o alcalde iniciase accións legais para defenderse das acusacións de presunto acoso sexual”, tal e como os concelleiros populares lle reclamaron en varias ocasións nos últimos plenos municipais. “Mentres siga pesando a sombra da dúbida e continúe ostentando o cargo, resulta incomprensible ter unha situación de normalidade no Concello. Pode que a Dona Margarita lle sucedese exactamente o mesmo”.

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular insisten nos argumentos defendidos no pleno de onte: “Lamentamos profundamente que teña que ser a concelleira de Igualdade quen dimita, e non quen, a día de hoxe, non está facendo absolutamente nada para disipar a dúbida sobre a comisión de supostas condutas machistas”.

Neste senso, os concelleiros populares amósanse firmes: “o noso compromiso é claro, defender a dignidade das institucións, garantir a exemplaridade na vida pública e actuar con coherencia e responsabilidade política”.

TOMA POSESIÓN COMO CONCELLEIRO O FILLO DE TOMÉ

Katy Varela ve “preocupante” que a quen deixe o Concello de Monforte sexa a concelleira de Igualdade xusto cando estalle un caso como o de José Tomé, pero aínda é máis preocupante que sexa o fillo de Tomé quen entre na corporación (aínda que sexa o que marca a lista electoral) “porque está a agravarse a percepción pública de clientelismo e enchufismo, especialmente nun momento no que o Concello de Monforte está tan cuestionado pola xestión que José Tomé e o PSOE están a realizar deste caso”. 

“A imaxe do Concello de Monforte xa está en entredito e isto non axuda á credibilidade nin do Concello nin das institucións, nin reforza a confianza da cidadanía en que as políticas de igualdade son tratadas con seriedade”, sentenciou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios