Se a Luis García Berlanga lle dera hoxe por resucitar e darse un paseo pola Muralla de Lugo, non tería que gastar nin un peso en guionistas. Bastaríalle con sentar nunha terraza da Praza Maior, pedir un viño da Ribeira Sacra e ollar o panorama político de Lugo. Porque o que vivimos por estes lares non é xestión municipal; é un remake castizo e rural da mellor comedia do absurdo.
Aquí a cousa vai por bandos ben definidos, como nas romarías de antes. Por un lado están os que teñen unha hixiene postural admirable, viven cun cóbado dobrado e o sorriso acartonado, sempre a punto para saír na foto do corte de cinta, aínda que o inaugurado sexa unha farola. Pola outra beira están os que teñen o oficio de dar cera. Cera á mañá, cera á tarde e, se queda tempo, un pouco máis de cera antes de ir durmir, que o goberno local sempre vai ter a culpa de que chova, das olas de calor ou de que o CD Lugo non ascenda a Segunda División.
O problema vén despois, cando chega a quenda dos desmentidos. E aí é onde o cidadán do común se queda coa cabeza a dar voltas como un muíño. Que se o pantalán cumpre as normas ou se se vai afundir co primeiro riada do Miño; que se o asfalto do rural chega ata a casa dunha concelleira, para darlle cera ao Goberno Local, que non é nada nova o asfaltado, pero en realidade xa o tiña deseñado o outro nunha servilleta de papel no ano dos mil vinte…, pero claro, a pandemia… Todo o que fan uns é unha atrocidade para os outros, e todo o que fan os outros é un plaxio dos primeiros. Ao final, a veciñanza xa non sabe se o que le no xornal dixital é unha nota de prensa, un conto meigo ou un chiste de Xosé Touriñán
Dicía a miña avoa que «quen moito abraza, pouco aperta», e en Lugo levamos moito tempo abrazando o titular do día mentres que, os porblemas reais seguen aí, facendo de amortecedores naturais para a paciencia veciñal.
Pero non nos enganemos, que a procesión vai por dentro. Lugo é hoxe unha ola a presión que anda a ferver a lume lento, con ese sonciño de fondo que parece que non fai nada pero vai acumulando vapor. E a tapa, como de costume, saltará polo aire en maio de 2027. Ese día, nas urnas, haberá o test de verdade. Veremos se tanto sermón, tanta foto con casco de obra e tanta cera deron para inclinar a balanza cara a algún lado, ou se os lucenses, con esa retranca secular que nos caracteriza, preferimos votar pensando: «Mellor o malo coñecido… ou mellor mandalos a todos a rañala».
Mentres tanto, collan as pipas e pónganse cómodos. A película de Berlanga aínda vai pola metade