O deputado do BNG demanda ao Goberno actuacións urxentes e coordinación co resto de administracións para a mellora do estacionamento para garantir un servizo público digno.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado actuacións inmediatas para garantir a accesibilidade e mellorar as condicións de prestación do servizo na oficina de Correos situada na rúa Constitución do Graxal, na parroquia do Temple, no termo municipal de Cambre.
A oficina dá servizo a toda a parroquia do Temple, o núcleo máis poboado do municipio, con preto de 10.000 habitantes, polo que rexistra unha importante afluencia diaria de persoas usuarias. Porén, as actuais instalacións presentan graves deficiencias, especialmente no que atinxe á accesibilidade.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia que “é inaceptábel que unha oficina pública que atende millares de veciñas e veciños continúe a incumprir de maneira flagrante a normativa de accesibilidade, obrigando a persoas maiores ou con mobilidade reducida a subir e baixar escaleiras sen unha alternativa digna e funcional”.
A entrada ás dependencias conta cun tramo de escaleiras que non dispón dunha solución accesíbel real. O dispositivo mecánico instalado nun dos laterais non funciona con regularidade e, mesmo cando está operativo, resulta lento, pouco práctico e non garante un acceso cómodo nin digno. “Non estamos ante unha cuestión menor, senón ante unha vulneración evidente do dereito de acceso aos servizos públicos en condicións de igualdade” subliña Rego.
Ademais, o nacionalista advirte das dificultades de estacionamento na contorna da oficina, onde non existe ningunha zona habilitada para parada temporal ou estacionamento limitado, o que dificulta aínda máis o acceso, especialmente para persoas con problemas de mobilidade. A formación nacionalista considera necesario que Correos estableza contactos co Concello para habilitar solucións que faciliten unha prestación áxil do servizo.
Neste sentido, Néstor Rego demanda ao Goberno do Estado que clarifique a situación xurídica do inmóbel —se é titularidade de Correos ou se se trata dun aluguer— co obxectivo de adoptar decisións inmediatas. “En función do réxime do local, cómpre actuar sen máis demoras: ben acometendo obras integrais de adaptación e mellora das instalacións actuais, ben procurando un novo inmóbel no barrio do Graxal que reúna todas as condicións de accesibilidade e calidade que a veciñanza merece” sinala o deputado nacionalista.
Néstor Rego insiste en que a solución debe ser permanente e efectiva, garantindo que todas as persoas, con independencia das súas condicións físicas, poidan acceder ás oficinas en igualdade de condicións. “O Goberno do Estado non pode mirar para outro lado. Ten a responsabilidade de asegurar que os servizos públicos que dependen da súa competencia cumpran coa legalidade e cos estándares mínimos de accesibilidade e dignidade” conclúe.