O programa dará comezo cun acto institucional na Casa do Estudantado a vindeira semana e ofrecerá diveros talleres de formación e orientación laboral durante os meses de marzo e abril.
O acceso ao emprego continúa a ser unha das principais preocupacións da mocidade. Por iso, co obxectivo de reforzar a inserción laboral, a UDC vén de poñer en marcha EMPREGA-T, un programa que ofrece diferentes ferramentas para reducir a distancia entre a formación académica e as esixencias do mercado laboral actual.
EMPREGA-T nace coa finalidade de conectar formación e emprego real, proporcionando ferramentas, acompañamento e contacto directo co tecido empresarial e co ecosistema emprendedor da contorna. Está dirixido tanto ao estudantado da UDC como ás persoas recentemente tituladas que desexen mellorar o seu perfil profesional e ampliar as súas oportunidades de inserción.
A vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía, incide na importancia do éxito desta iniciativa entre o estudantado e as persoas egresadas, “o que fai que desde a UDC se siga traballando na consolidación dun programa que ofreza recursos para dar o salto ao mundo laboral e o cal se siga fortalecendo e renovando cada ano”.
Formación, orientación e contacto directo coas empresas
Estrutúrase en tres módulos —Empregabilidade, Emprendemento e Competencias Transversais— que combinan obradoiros prácticos, orientación personalizada e actividades complementarias.Un programa gratuíto e próximo, deseñado para acompañar o estudantado na definición do seu obxectivo profesional e na mellora das súas competencias. A participación permite o recoñecemento dun crédito ECTS por un mínimo de 20 horas de asistencia.
A benvida institucional terá lugar o próximo 4 de marzo na Casa do Estudantado, coa intervención de María José Lombardía Cortiña, vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da UDC. Será o punto de partida dunha programación que se desenvolverá entre marzo e abril en diferentes sesións e espazos dos campus de A Coruña e de Ferrol.
As prazas son limitadas nos obradoiros e visitas —con asignación por rigorosa orde de inscrición—, mentres que outras actividades formativas complementarias estarán dispoñibles a partir de mediados de marzo. Unha inscrición que se pode realizar a través da web de Emprega-T.
Entre as accións previstas inclúense actividades orientadas á mellora e optimización do CV e o desenvolvemento da marca profesional, a preparación de entrevistas de traballo, o uso de ferramentas dixitais e IA para a busca de emprego, a formación en emprendemento ou o desenvolvmento de competencias transversais, tales como a comunicación, o liderado, o traballo en equipo ou a resiliencia.
Ademais, o programa inclúe visitas a espazos e entidades de referencia para o emprego e o emprendemento como Grupo Intaf, o Centro de Servizos Avanzados ou Coruña Estudo Inmersivo (ambos na Cidade das TIC), o Centro Monucupal de Empresas do Concello da Coruña (que inclúe Accede Papagaio e o Igrexario da Grela), o Polo de Emprendemento e Acceso ao Emprego de Ferrol, ou Oracle Spain.
Esta iniciativa conta co patrocinio da Xunta de Galicia, e a colaboración de Altia, a Asociación de Emprendedores de Galicia (ASCEGA), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Grupo Intaf, Nunsys Group – Inycom, Oracle Spain, a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego e WekCo.