Ana Miranda demanda axilidade na execución do Corredor Atlántico e na cooperación transfronteiriza

A eurodeputada do BNG é a única voz galega na Comisión de Política Rexional do Parlamento Europeo que vai decidir sobre os futuros fondos de cohesión europeos.

 A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, fixou dúas prioridades para Galiza na Comisión de Política Rexional, como son a execución do Corredor Atlántico e a cooperación transfronteiriza, a respecto do informe do que é correlatora en nome do grupo parlamentar, o instrumento financeiro das Redes Transeuropeas de Transportedenominado “Mecanismo Conectar Europa (CEF)”.

“Temos que aproveitar os recursos europeos para que Galiza conte dunha vez cunha demanda histórica como é o Corredor Atlántico”, salientou Ana Miranda, quen, como única voz galega na Comisión de Política Rexional do Parlamento Europeo que decidirá os futuros fondos de cohesión, explicou que para Galiza é fundamental axilizar a rede transeuropea no ámbito do transporte.

Este informe sobre o instrumento financeiro “Mecanismo Conectar Europa (CEF)ten como un dos seus obxectivos rematar a Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T), centrándose en completar a rede central e a rede ampliada para 2030 e 2040 respectivamente. Neste sentido a eurodeputada galega salienta que o corredor Atlántico -Porto-Vigo-A Coruña- aparece mencionado no anexo como prioridade pero sen fondos, polo que non poderá ser completado. “Nese sentido irán as emendas do BNG”, avanzou.

Aproveitar a oportunidade

Por outro lado, Ana Miranda defendeu a importancia de empregar este mecanismo para eliminar obstáculos e barreiras administrativas, especialmenteno eido transfronteirizo de Galiza Norte de Portugal. Neste sentido salientou que oCEF pode presentar unha oportunidade para desenvolver o Regulamento EU 2025/925 ou BridgeforEU para avanzar na eliminación dos problemasadministrativos en territorios transfronteirizos, sempre que vaia completado con investimentos “non como até agora”, sinalou. 

“Estamos diante dunha oportunidade para mellorar as conexións entre Galiza e Portugal e a calidade de vida das miles de persoas que cada día se desprazan a un e outro lado da fronteira, tal e como no BNG levamos demandando desde hai tempo, e temos que aproveitala”, dixo ao respecto. Neste sentido Ana Miranda defende que para o BNG son fundamentais propostas como a modernización e o impulso de infraestructuras abandoadas ou en desuso como a rede ferroviaria secundaria que conectaría coa Rede Transeuropea de Transportes, a construción de infraestruturas para mellorar as conexións das áreas urbanas, a conexión de portos e autoestradas e en especial a creación dos nós multimudais (NUDOS) que conecten dunha vez portos como o de Vigo á rede transeuropea, mais taménás áreas rurais e periurbanas das áreas transfronteirizas para dar acceso a servizos públicos e accesibilidade a lugares de traballo. 

Precisamente estes temas de conectividade, accesibilidade e apoio ás conexións transfronteirizas e a mellora do transporte de proximidade foron as principais demandas manifestadas nun encontro que a eurodeputada do BNG mantivo recentemente en Vigo para analizar este informe, no que participaron o portavoz municipal da cidade, Xabier P. Igrexas; a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; o Responsábel Comarcal de Vigo, Manuel Caride, e do Condado, Xavier Viéitez; así como representantes da formación nacionalista en Redondela; Tomiño; Tui;Salvaterra; Covelo; Mondariz Balneario; Salceda; Crecente e Mondariz.

Segundo salientaron nas súas intervencións, esta mellora da rede de transportes e da mobilidade, ademais de contribuír a fixar poboación, debería ir da man da mellora das conexións coa PLISAN (Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves), no obxectivo de garantir o seu completo desenvolvemento industrial e a accesibilidade das zonas .

Comparte éste artículo
No hay comentarios