O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cargou hoxe con dureza no Parlamento contra a política municipal do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. O líder socialista acusou ao Goberno galego de perpetrar un “saqueo das arcas municipais” e de forzar unha “relación de subordinación” que vulnera frontalmente a autonomía local.
O «estrangulamento» económico dos concellos
Durante a súa intervención, Besteiro advertiu de que a Xunta está a trasladar sistematicamente responsabilidades autonómicas ás entidades locais sen transferir os recursos necesarios. Denunciou a existencia dun sistema de competencias impropias que obriga aos alcaldes e alcaldesas a detraer fondos propios para servizos que non lles corresponden:
- Educación e Sanidade: Mantemento de comedores escolares, centros de saúde e escolas infantís.
- Servizo de Axuda no Fogar (SAF): Besteiro puxo como exemplo que hai concellos que destinan ata o 30% do seu orzamento a cubrir un servizo que debería financiar integramente a Xunta.
- Canon da auga: Cualificouno de “dobre imposición” e criticou que o recadado non retorne aos municipios en forma de investimentos.
Unha nova lei que «non resolve nada»
O voceiro socialista referiuse ao anteproxecto da Lei de Administración Local, sinalando que, lonxe de solucionar o problema, o consolida. «Vinte anos despois do Pacto Local de 2006, o texto limítase a dicir que a Xunta asumirá competencias ‘de xeito progresivo’, sen prazos nin cartos», lamentou.
Besteiro esixiu o fin da «arbitrariedade» na política de convenios e reclamou un Plan Único con criterios públicos e obxectivos que garanta a igualdade de trato entre todos os concellos, independentemente da súa cor política.
Coherencia e o «pacto secreto» con Altri
Na quenda de réplica, o líder do PSdeG afeou a Rueda que centre a súa estratexia en confrontar co Goberno de España para tapar a súa xestión en Galicia. “Está obsesionado con Sánchez, pero as súas desgrazas non levan o apelido de Sánchez, levan o apelido de Feijóo”, sentenciou.
Besteiro aproveitou para denunciar a «hipocrisía» do presidente da Xunta en materia de transparencia:»É sarcástico que Rueda reclame coñecer o contido do contencioso da AP-9 entre o Estado e a Comisión Europea mentres se nega a facer público o memorando asinado con Altri. Non pode esixir luz para os demais e manter na sombra os seus propios acordos”.
O secretario xeral concluíu esixindo a desclasificación inmediata de dito pacto e recordou que os concellos «non son subordinados, senón administracións con competencias que deben ser respectadas e financiadas de xeito estable”.