A AELG fai público o seu apoio e solidariedade con Suso de Toro, despois de que o recoñecido escritor denunciase que está a ser vítima de ataques á súa liberdade de expresión. Eses ataques proceden dun lobby proisraelí que alardea de ter denunciado o noso autor na Audiencia Nacional por ter criticado o Estado de Israel polas súas accións contra Gaza e o pobo palestino. Porén, De Toro non recibiu ningunha comunicación oficial de ningún tipo.
A AELG considera que non se poden tolerar tales ataques á liberdade de expresión e, por este medio, exixe que as institucións condenen e couten este tipo de propaganda que busca a autocensura das persoas sensibilizadas coa causa palestina.
Pola súa parte, a AELG estudará as medidas legais de resposta fronte a estas agresións. “A liberdade de expresión e de creación dun escritor ou escritora é inalienábel e imprescindíbel nunha sociedade que goza dunha boa saúde democrática”, declara Cesáreo Sánchez, presidente da AELG. “A defensa dos dereitos humanos é unha responsabilidade e unha obriga ética de calquera escritor ou escritora”, engade.
A propia AELG, como entidade, fai súas as declaracións publicadas por Suso de Toro e maniféstase contra as agresións do Estado de Israel ao pobo palestino, co que está a cometer un xenocidio e polo que a propia Comisión Internacional Independente de Investigación da ONU ditaminou que se están a cometer crimes de guerra e de lesa humanidade en Gaza.