O prazo de presentación de solicitudes para estas axudas estará aberto ata o 6 de abril a través do procedemento MR701L na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A convocatoria de axudas da intervención Leader para o período 2026 – 2028 ao desenvolvemento de proxectos no rural galego, xestionadas polo GDR Terra e Auga, está aberta para a presentación de solicitudes ata o 6 de abril. Co obxectivo de trasladar maior información aos sectores socioeconómicos do territorio, A Xunta Directiva aprobou a na reunión mantida esta semana, a organización dunhas xornadas informativas en cada un dos concellos do territorio nas que se detallará e se resolverán dúbidas respecto da convocatoria de axudas.
Con este programa búscase promover o desenrolo das zonas rurais a través dunha estratexia participativa na que os axentes locais desempeñan un papel clave. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que desenvolvan actividades económicas ou as emprendan, as empresas, comunidades de montes, entidades privadas sen ánimo de lucro e entidades públicas do territorio.
O obxectivo destas reunións é ofrecer a información dispoñible sobre a convocatoria e as súas liñas estratéxicas, valorar os proxectos da veciñanza para comprobar se teñen posibilidades de concorrer nesta convocatoria e guiar en todo o proceso de preparación da documentación que será solicitada.
Estas xornadas informativas levaranse a cabo: o xoves 26 en Mondariz Balneario (19:30 horas no Auditorio) e en Mondariz (20:15 horas na Biblioteca). O venres 27 estarán en As Neves (19:00 horas no Salón de Plenos) e Ponteareas (20:15 horas no Salón de Plenos). Xa no mes de marzo, o luns 2 en Covelo (19:00 horas no Auditorio) e A Cañiza (20:15 horas no Salón de Plenos). o martes 3 de marzo en Salvaterra de Miño (19:00 horas no Salón de Plenos) e en Salceda de Caselas (ás 20:15 horas na Casa da Cultura ADR Castelao). A derradeira reunión informativa será o xoves 5 de febreiro, ás 18:00 horas será en Crecente (Auditorio) e ás 19:30horas en Arbo (Auditorio).
O presidente do GDR Terra e Auga Pablo Castillo anima á veciñanza a asistir a estas xornadas informativas: “Animo ao tecido socioeconómico do territorio que se achegue ás oficinas do GDR na Cañiza, onde o equipo técnico está a vosa disposición para axudarvos a presentar os proxectos e guiarvos durante todo o procedemento. Estas axudas teñen unha repercusión positiva sobre o tecido social e económico das zonas rurais, impulsando proxectos que xeran postos de traballo”.
Estas axudas, que se conceden seguindo o procedemento de concorrencia competitiva, están cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader), dentro do Pepac 2023-27, e ascenden a un importe de 1,2 millóns de euros para o territorio do GDR Terra e Auga, unha das convocatorias con maior dotación dos últimos anos.