O BNG de Outeiro de Rei lamenta o voto en contra do PP á proposta para revitalizar o centro da Vila

Elvira Lombao: “O PP perdeu unha oportunidade para apoiar ao pequeno comercio, á veciñanza e ás persoas que queren emprender no noso concello”.

O Grupo Municipal do BNG de Outeiro de Rei lamenta o voto en contra da equipa de goberno do Partido Popular á moción presentada polos nacionalistas no pleno municipal para impulsar un Plan de Revitalización Económica e Comercial do centro da vila, unha proposta que buscaba dar resposta á perda progresiva de servizos, actividade comercial e dinamismo social no núcleo urbano.


A concelleira do BNG, Elvira Lombao, criticou que o goberno municipal “volveu demostrar a súa falta de proxecto para o centro da vila, votando en contra dunha iniciativa construtiva pensada para mellorar a vida da veciñanza e apoiar á economía local”.


Desde o BNG lembran que nos últimos anos o centro de Outeiro de Rei perdeu servizos básicos fundamentais, como o recente peche do supermercado, unha situación que afecta especialmente ás persoas maiores ou con dificultades de mobilidade que carecen de alternativas próximas para realizar compras do día a día. A esta situación súmase tamén a limitación do servizo da farmacia próxima ao centro, que deixou de prestar atención 24 horas.


“O problema non é só económico, é tamén social. Cada negocio que pecha supón menos vida, menos relacións sociais e menos oportunidades para o noso concello”, sinalou Lombao.


A portavoz nacionalista subliñou ademais que existen numerosos exemplos de concellos da contorna, con menor poboación, como Rábade, Castro de Rei ou Friol, que conseguiron manter unha actividade comercial activa nas súas capitalidades grazas a políticas municipais de apoio e dinamización. “Mentres outros concellos apostan polo seu comercio e polos servizos de proximidade, en Outeiro de Rei o goberno local opta pola inacción”, afirmou.


O BNG denunciou tamén as dificultades trasladadas por persoas emprendedoras e profesionais que intentaron abrir negocios ou oficinas na vila e que atoparon trabas administrativas e falta de colaboración municipal. “Un Concello debería facilitar que a xente invista e cree actividade económica, non converterse nun obstáculo”, indicou Lombao.


A moción presentada polos nacionalistas propoñía a elaboración urxente dun Plan de Revitalización Económica e Comercial, a revisión das ordenanzas urbanísticas para eliminar atrancos burocráticos, a creación dunha liña municipal de axudas para a apertura de novos negocios en baixos pechados

.
“O PP decidiu votar en contra de medidas concretas e perfectamente asumíbeis para reactivar o corazón da vila”, afirmou Lombao.


Desde o BNG aseguran que seguirán defendendo iniciativas para recuperar a vida económica e social da vila. “Outeiro de Rei ten potencial, ten persoas con ganas de emprender e unha veciñanza que merece máis. O centro da vila non pode seguir apagándose mentres o goberno municipal mira para outro lado”, concluíu a concelleira nacionalista.

Comparte éste artículo
No hay comentarios