O BNG reclama a cesión gratuíta do tramo ferroviario Fraiz-A Moniña en Ames para convertelo en senda verde

Escarlata Pampín denuncia que o goberno municipal “non moveu un só dedo” para negociar con ADIF este proxecto que ten por obxectivo mellorar a calidade de vida da veciñanza de Ames.

O Bloque Nacionalista Galego volve reclamar ao Goberno do Estado que a cesión do tramo ferroviario en desuso entre Fraiz e A Moniña, no concello de Ames, se realice de maneira totalmente gratuíta, co obxectivo de facilitar a súa transformación nunha senda verde que mellore a calidade de vida da veciñanza.

Na resposta oficial, o Goberno indica que ADIF está “en total disposición de ceder ouso dese tramo ao Concello de Ames baixo a fórmula dun contrato de vía verde cunha renda testemuñal e un prazo inicial de 20 anos”, sinalando ademais que o Concello debe dirixirse á Xerencia de Patrimonio e Urbanismo Noroeste da entidade. Porén, para o BNG esta proposta resulta insuficiente.

Néstor Rego: “Debe ser unha cesión gratuíta e definitiva”

O deputado nacionalista subliña que “falamos dun tramo ferroviario completamente abandonado, cuberto de maleza e en progresivo deterioro, que perdeu a súa funcionalidade como infraestrutura de transporte e que podería converterse nun espazo de mobilidade sustentábel e de lecer para a veciñanza”.

Rego considera que a fórmula proposta por ADIF, baseada nun contrato temporal con renda —aínda que sexa simbólica— “non é a máis axeitada nin a máis xusta”. “Se realmente existe vontade política, o lóxico é proceder ao traspaso gratuíto da titularidade ao Concello de Ames para que poida asumir con plenas garantías a súa conservación, recuperación e posta en valor” defende.

O deputado do BNG lembra que a recuperación deste tramo como senda verde contribuiría a promover hábitos saudábeis, a fomentar alternativas de mobilidade non contaminantes e a avanzar nun modelo de desenvolvemento respectuoso co medio ambiente, en coherencia cos compromisos da Axenda 2030.

Escarlata Pampín: “O goberno municipal debe mover ficha”

Pola súa parte, a portavoz municipal do BNG en Ames, Escarlata Pampín López, denuncia que o goberno local “non se puxo en contacto con ADIF para abordar este proxecto, malia existir xa unha resposta oficial que abre a porta á cesión”.

Pampín cualifica de “incomprensíbel” a inacción do executivo municipal e reclamou que inicie de inmediato as xestións necesarias ante ADIF para garantir a cesión do tramo en condicións favorábeis para o interese público.

“Estamos ante unha oportunidade para gañar un novo espazo público, seguro e sustentábel, que conecte parroquias e fomente a mobilidade peonil e ciclista. O Concello non pode deixar pasar esta ocasión” afirma.

Comparte éste artículo
No hay comentarios