A Deputación da Coruña investirá este ano 12,2 millóns de euros na conservación das estradas provinciais

O pleno aprobou o Plan de Conservación de Vías Provinciais 2026, que incrementa o seu orzamento nun 7,5% e, xunto cos programas de reparacións urxentes e desbroces, supón un investimento medio de 8.192 euros por quilómetro na rede viaria provincial.

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe,cos votos favorables de PSOE, BNG e AV e a abstención do PP, a primeira fase do Plan de Conservación de Vías Provinciais 2026, que contará cun orzamento de 12.242.041 euros, o que supón un incremento do 7,5% respecto ao pasado ano.

O plan contempla a execución de obras de mantemento, reparación de firmes e pavimentación nos máis de 2.000 quilómetros de estradas que integran a rede provincial, co obxectivo de mellorar as condicións de circulación e reforzar a seguridade viaria.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a importancia destas actuacións, subliñando que “manter en boas condicións unha rede tan extensa é unha tarefa continua e prioritaria, porque as estradas provinciais son unha infraestrutura básica para a mobilidade diaria da xente e para a actividade económica da provincia”.

A maior parte dos investimentos destinaranse á renovación de firmes e capas de rodaxe, así como á mellora da sinalización horizontal e vertical. Pola súa banda, a limpeza e apertura de cunetas, as obras de drenaxe e a instalación de defensas viarias supoñen arredor do 17% do total.

O presidente provincial incidiu tamén na relevancia do Plan de Conservación, xunto cos programas de reparacións urxentes e de roza e limpeza das marxes, especialmente tras as intensas precipitacións rexistradas nos últimos meses. “As fortes choivas provocaron danos e incidencias en distintos puntos da rede, polo que contar con estes plans é fundamental para actuar con rapidez, mellorar pavimentacións e drenaxes e garantir a seguridade da circulación en condicións adversas”, afirmou.

Ademais do Plan de Conservación, o servizo de Vías e Obras dispón dun programa específico de reparacións urxentes e doutro destinado á roza e limpeza das marxes das estradas provinciais, cuxo orzamento aumenta en 2026 de 3,8 a 4,1 millóns de euros. Esta partida permite realizar varias campañas de limpeza ao longo do ano para mellorar a visibilidade, facilitar a evacuación das augas pluviais e contribuír á prevención de incendios.

A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, destacou que o conxunto dos programas de conservación, reparacións urxentes e roza supón un investimento medio de máis de 8.192 euros por quilómetro. “O mantemento da ampla rede de estradas provinciais é tan importante como a construción de novas infraestruturas. Un bo estado de conservación é clave para a seguridade viaria e para garantir un servizo de calidade á cidadanía”, sinalou.

O Plan de Conservación 2026 distribúe os investimentos en 36 grupos de actuación que abarcan o conxunto do territorio provincial, garantindo unha intervención equilibrada e continua nas diferentes comarcas.

PLAN CONSERVACION DE ESTRADAS 2026

DENOMINACIÓN DA OBRAIMPORTE / €
GRUPO 1A – Ortigueira203.110,53 €
GRUPO 1B – Cariño275.582,01 €
GRUPO 2 – Mañón e As Pontes210.830,17 €
GRUPO 3 – Cedeira, Cerdido e Valdoviño306.609,84 €
GRUPO 4 – Ferrol e Narón558.750,30 €
GRUPO 5 – Moeche, San Sadurniño e As Somozas369.968,17 €
GRUPO 6 – Ares, Fene, Mugardos e Neda514.780,85 €
GRUPO 7 – Cabanas, Miño, Paderne e Pontedeume354.768,47 €
GRUPO 8 – As Pontes, Irixoa, Monfero e Vilarmaior272.614,73 €
GRUPO 9 – Oleiros e Sada449.988,07 €
GRUPO 10 – Cambre, Bergondo e Betanzos553.998,85 €
GRUPO 11 – Abegondo, Carral e Oza-Cesuras471.589,53 €
GRUPO 12 – Aranga, Betanzos, Coirós, Curtis e Oza-Cesuras404.358,28 €
GRUPO 13A – Frades, Ordes, Oroso e O Pino233.255,52 €
GRUPO 13B – Boimorto, Mesía e Vilasantar362.882,80 €
GRUPO 14 – Melide, Santiso, Sobrado e Toques446.287,25 €
GRUPO 15 – Arzúa, Boqueixón, O Pino e Touro429.445,30 €
GRUPO 16 – Arteixo, A Coruña e Culleredo561.552,09 €
GRUPO 17 – Carballo, Cerceda e Laracha450.152,48 €
GRUPO 18 – Cabana, Malpica e Ponteceso381.411,17 €
GRUPO 19 – Camariñas, Laxe, Muxía e Vimianzo​145.376,65 €
GRUPO 20 – Cee, Corcubión, Dumbría e Mazaricos​203.999,65 €
GRUPO 21 – Ames, A Baña, Negreira e Val do Dubra386.092,77 €
GRUPO 22 – Ordes, Santiago, Tordoia, Trazo e Val do Dubra415.235,89 €
GRUPO 23 – Mazaricos, Muros e Outes​428.100,07 €
GRUPO 24 – Boiro, Lousame e Noia509.372,22 €
GRUPO 25 – Brión, Dodro, Padrón e Rois419.935,21 €
GRUPO 26 – Ames, Santiago, Teo e Vedra323.626,75 €
GRUPO 27 – Boiro e Rianxo296.854,77 €
GRUPO 28 – A Pobra do Caramiñal, Porto do Son e Ribeira463.319,09 €
GRUPO 34 – D.P. 1914 Carballo a Portomouro260.072,39 €
GRUPO 35 – Coristanco, Santa Comba e Zas341.777,31 €
GRUPO 36 – D.P. 3404 Serra de Outes a Dumbría236.342,04 €
TOTAL……………………………….12,242,041,22 €
Comparte éste artículo
No hay comentarios