A Real Academia Galega e o Concello de Pontevedra colaborarán na elaboración do mapa sociolingüístico escolar da cidade 

As dúas institucións asinaron hoxe un acordo de colaboración para dotar Pontevedra dunha avaliación rigorosa da situación do idioma, de infantil a secundaria, que sirva de base para o deseño de novas medidas de promoción do galego na infancia e na mocidade.

A Real Academia Galega e o Concello de Pontevedra asinaron hoxe o acordo de colaboración para a realización do mapa sociolingüístico escolar do municipio. O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, rubricaron no Concello de Pontevedra o documento que formaliza a vontade de traballaren ambas as institucións man a man para dotar Pontevedra dun instrumento de avaliación fundamental para que “as acción de normalización adquiran unha extensión, unha profundidade e unha capacidade de impacto maiores”, destaca o responsable da Academia. “A promoción do galego entre a mocidade é unha acción fundamental á hora de seguir coidando o noso ben material máis importante: a nosa lingua. Todo o acordo que achegue ao Concello de Pontevedra e á Real Academia Galega só pode cristalizar nunha acción positiva para a sociedade”, congratúlase o rexedor.

O proxecto abranguerá a totalidade da poboación escolar de educación infantil, primaria e secundaria, así como as súas familias e o corpo docente. Así mesmo, a investigación incorporará tamén a perspectiva dos profesionais que atenden diariamente o estudantado en servizos e actividades complementarias vinculadas ao contexto educativo de xestión municipal, co propósito de ofrecer unha visión integral dos usos lingüísticos no conxunto dos espazos de socialización escolar.

Para o desenvolvemento do estudo, a Real Academia Galega, a través do seu Seminario de Sociolingüística, elaborará os instrumentos e protocolos de recolla de datos cuantitativos e cualitativos, garantindo o rigor metodolóxico e a coherencia técnica do proceso. Ademais, prestará apoio e asesoramento aos centros de ensino na explicación dos obxectivos e do alcance da iniciativa, co fin de favorecer unha participación informada e comprometida da comunidade educativa.

Pola súa banda, o Concello de Pontevedra, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, asumirá a xestión dos permisos e autorizacións necesarias, así como a coordinación da recolla de datos. Unha vez completado este proceso, a información recompilada será analizada pola Real Academia Galega, que elaborará o informe final cos resultados do estudo.

Os resultados da investigación serán publicados no chamado Mapa sociolingüístico escolar de Pontevedra, cuxa publicación se prevé cara a primavera de 2027. O documento será unha ferramenta que ha ser de utilidade alén do propio termo municipal no que se circunscribirá, salienta o presidente da RAG. “A análise da situación do idioma entre a xente máis nova en concellos urbanos coma o de Pontevedra ten unha importancia especial non só por razóns cuantitativas, por seren municipios con máis poboación, senón tamén porque son as cidades as que sofren especialmente a desgaleguización. Por tanto, están máis necesitadas, se cabe, de iniciativas de dinamización lingüística que cómpre deseñar partindo dun coñecemento detallado da súa realidade”, explica Henrique Monteagudo.

Na mesma liña, o concelleiro de Dinamización Social e Cultural, Demetrio Gómez Xunqueira, manifesta a súa preocupación polo devalo no uso do galego entre a xente máis nova e confía en que o mapa sociolingüístico escolar de Pontevedra contribúa a marcar un necesario punto de inflexión. “Os datos de uso da lingua galega entre a infancia e a mocidade son moi preocupantes, o que fai imprescindible un cambio de rumbo na política lingüística. Abordar eses novos retos da man da RAG é unha garantía de éxito polo seu grande coñecemento acumulado”, valora.

O de Pontevedra é o terceiro mapa sociolingüístico escolar no que traballará a Real Academia Galega. O primeiro, publicado en 2021, foi o do Concello de Ames, administración local coa que a RAG mantén unha estreita colaboración a través do proxecto de investigación-acción Modo Galego, actívao!concibido como un banco de probas de boas prácticas para a dinamización lingüística entre a poboación en idade escolar. O segundo mapa é o de Santiago de Compostela, actualmente en fase de elaboración tras a conclusión da recolla de datos, desenvolvida en colaboración co goberno da capital galega.

A Academia agarda que proximamente máis concellos, como Rois e Carballo, tomen a iniciativa para se dotar de ferramentas similares ao abeiro do acordo de colaboración que asinou o pasado mes de outubro coa Asociación de Entidades Locais pola Lingua (Alingua). “A política lingüística non só se debe contemplar como unha acción desde o poder autonómico cara á cidadanía, a colaboración das administracións máis próximas á cidadanía e das comunidades educativas é fundamental. É importante lanzar iniciativas que mobilicen a base social, que involucren as comunidades educativas e as familias, porque a política lingüística non debe ser só de arriba a abaixo, senón tamén de abaixo a arriba. Acordos como o que asinamos hoxe supoñen pasos firmes na dirección correcta ”, valora o presidente da Academia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios