Balseiro: “O Goberno de Sánchez recoñece que extinguiu unha praza de carteiro o ano pasado no Valadouro”

Os populares comparten o “malestar” dos veciños polas “deficiencias” no servizo de Correos que se debe á “falta de persoal”: actualmente só hai dous carteiros para atender a todas as parroquias de Alfoz e O Valadouro.

 “O Goberno de Sánchez confirma a redución de persoal no servizo de Correos de Alfoz e O Valadouro xa que recoñece que extinguiu unha praza da quenda de mañá”, segundo explica José Manuel Balseiro tras recibir a resposta oficial do Goberno do Estado ás preguntas formuladas na Cámara Alta polos senadores do PP lucense a petición do alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela, ante a fonda preocupación existente pola redución de persoal e o deterioro do servizo postal no municipio.

O senador mariñán condena “as deficiencias no funcionamento” de Correos, dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, debido “á falta de persoal que deriva na saturación das oficinas. E os que máis sofren os atrasos no reparto son as zonas rurais”, lamenta.

Balseiro explica que “o Goberno recoñece, na súa resposta, que ata o 2025 había catro prazas de mañá e a partir dese ano reduciron unha praza pola mañá -ata quedar con tres- ao que hai que restar, na actualidade, unha baixa sen cubrir -polo que o servizo conta na actualidade con dous efectivos-. Polo tanto, dende os catro traballadores que había no 2024 na quenda de mañá, na actualidade o servizo conta só con dous carteiros que teñen que atender todas as parroquias dos dous municipios, Alfoz e O Valadouro.

O alcalde engade que “o pasado mes de decembro, por exemplo, na oficina de Ferreira non se cubriu a baixas por xubilación -a praza que foi extinguida polo Goberno do Estado- ni as baixas temporais do persoal de reparto”. E subliña que “somos coñecedores do esforzo que fai o persoal que está traballando; pero, coa falta de persoal, é moi difícil cubrir o reparto de tódalas parroquias dos dous municipios” con núcleos de poboación moi dispersos: dende Vilacampa ata O Cadramón, O Pereiro ou As Oiras.

José Manuel Balseiro quixo destacar “o papel dos carteiros” e “especialmente no rural” como contrapeso á perda doutros servizos básicos, como bancos ou oficinas administrativas. De feito, a través de Correos pódense realizar trámites como o pago de recibos de auga, luz ou teléfono, o abono de tributos ou mesmo o rexistro de documentación, cartas e paquetería”.

Desde o Partido Popular reclaman ao Goberno de Sánchez que “adopte medidas urxentes para garantir un servizo postal digno e de calidade no rural lucense, evitando que a falta de persoal continúe prexudicando, neste caso, aos veciños do Valadouro e Alfoz”, segundo inciden os populares.

“O Goberno do PSOE recorta os servizos para os veciños e veciñas destes municipios”, conclúe Balseiro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios