Medio Ambiente retirou ilegalmente a protección dun territorio para favorecer a Altri

A Sala Terceira do TSXG vén de ditar sentenza, con data 13 de febreiro do ano en curso, na que estima a demanda interposta por ADEGA fronte á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e declara a nulidade parcial da Orde que aprobaba a Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas.

ADEGA impugnou dita Orde porque Medio Ambiente eliminou a prevista categorización como “zona de amortecemento” da área na que se pretendía implantar o proxecto de Altri, sen achegar explicación ningunha. A Sala acolle a argumentación de ADEGA e considera que o proceder da Xunta é contrario ao principio de non regresión en materia medioambiental, e declara que a administración autonómica non motivou nin xustificou o cambio de criterio a respecto da protección da zona en cuestión:

“Así para realizar ese cambio e promover a desprotección deses terreos necesariamente a demandada tería que aportar unha especial motivación que xustificase dita desprotección con base nun interese xeral ou público, e revisado o expediente non consta ningunha motivación, extremo que é moi relevante por canto é contraditorio e sumamente estrano e sen motivación, por unha banda recoñecer a relevancia ambiental dese espazo e que posteriormente logo do trámite de información pública, se modifique dito recoñecemento”.

Cómpre salientar que, tal e como se sinala na Sentenza, a propia Estratexia define as zonas de amortecemento como aquelas nas que están presentes hábitats prioritarios e especies incluídas nos Catálogos de Especies Ameazadas. Son territorios que actúan como tapón entre a matriz da paisaxe e os corredores ecolóxicos e espazos naturais protexidos. Esta funcionalidade, en palabras da propia Sala, “corrobora a mención da parte recorrente de que gozan as zonas de amortecemento dunha especial protección por motivos medioambientais”. 

A sentenza falla que debe manterse a protección da zona tal e como figuraba antes do trámite de información pública, e, en consecuencia, obriga á Xunta a recuperar a consideración como zona de amortecemento da área de referencia na que se pretendía implantar o proxecto de Altri, lindante coa ZEC Serra do Careón.

A sentenza trunca a viabilidade ambiental da macrocelulosa de Altri

Esta decisión xudicial ten repercusións moi positivas para a defensa ambiental do país e, nomeadamente, para a preservación da Ulloa e da Serra do Careón fronte a ameaza de Altri. O fallo elimina calquera expectativa de que a macrocelulosa se implante na área prevista, e evidencia que a DIA (declaración de impacto ambiental) favorábel outorgada pola Xunta ao proxecto resulta nula, por non considerar a protección ambiental inherente á condición de zona de amortecemento ambiental do territorio pretendido por Altri.

ADEGA resalta a singularidade desta sentenza por ser o 
primeiro pronunciamento xudicial que compromete directamente a viabilidade ambiental da factoría de Altri en Palas de Rei, e non descarta que o fallo do TSXG fora o que prcipitara o anuncio do arquivo do proxecto pola conselleira Lorenzana e o presidente Rueda. Ademais, o fallo dificulta calquera tentación da Xunta de Galiza de pechar en falso a tramitación macrocelulosa de Altri coa intención de deixar abertas fendas administrativas á futura recuperación do proxecto.

Denegación do proxecto e dimisión da conselleira

Á vista do contido desta sentenza, ADEGA esíxelle á Xunta non só que resolva expresamente e desestime os procedementos de autorización ambiental integrada (AAI) e de concesión de augas de Altri, senón tamén que declare nula a DIA de marzo de 2025 e revogue a declaración proxecto industrial estratéxico de decembro de 2022.

A sentenza tamén pon de manifesto, máis unha vez, o absoluto desprezo da Xunta polos procedementos administrativos legalmente previstos para a toma de decisións, así como a súa parcialidade sistemática en favor de intereses espúreos e contra o interese xeral e a protección do medio ambiente. En consecuencia, dende ADEGA pedimos a dimisión ou o cesamento da Conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez Mejuto, pola súa actuación neglixente e ilegal para favorecer o proxecto de Altri contra o interese xeral e a legalidade ambiental.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios