O Concello de Noia inviste 60.000 euros na mellora do Campo de Fútbol Julio Mato “Matito”

O Concello de Noia vén de executar unha serie de actuacións de mellora no Campo de Fútbol Julio Mato “Matito”, cun investimento total de 60.000 euros destinado a modernizar as instalacións e garantir unha práctica deportiva máis segura, eficiente e digna para os usuarios e usuarias.

A actuación máis destacada foi a instalación dunha nova bomba de aerotermia, un sistema enerxeticamente eficiente que permitirá reducir de maneira drástica o consumo eléctrico da instalación. O custo desta intervención ascendeu a 44.000 euros, dos cales 11.000 euros foron subvencionados a través dunha liña de axudas da Xunta de Galicia, mediante fondos europeos do INEGA.

Ademais, leváronse a cabo labores de impermeabilización nun dos elementos cubertos do campo de fútbol, co obxectivo de evitar filtracións e mellorar a conservación da infraestrutura. Tamén se solucionaron os problemas existentes co subministro de auga quente nos vestiarios anexos, onde igualmente se acometeron diversas reparacións para optimizar o seu estado e funcionalidade.

Por outra banda, realizouse unha limpeza integral das pistas de atletismo, que presentaban unha acumulación moi importante de sucidade, converténdose nun risco para os e as atletas que empregan estas instalacións nos seus adestramentos habituais.

Desde o Concello de Noia destácase que estas actuacións responden ao compromiso do goberno local coa mellora continua das infraestruturas deportivas municipais, co fin de ofrecer unhas condicións axeitadas para clubs, deportistas e veciñanza en xeral.

Con esta intervención, o Concello confía en que a práctica deportiva no Campo Julio Mato “Matito” conte, a partir de agora, cunhas condicións moito máis dignas e acordes ás necesidades actuais, deixando atrás as carencias que viñan arrastrándose nos últimos anos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios