Os deputados do PP de Lugo confirman a súa asistencia á concentración cidadá que terá lugar mañá, ás 11:00 horas en Canabal, para “apoiar as reivindicacións de toda a cidadanía” xa que “circular pola N-120 é un auténtico perigo”.
Os deputados no Congreso do PP de Lugo – Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades –, de xeito conxunto cos deputados do PP de Ourense – Celso Delgado, Ana Belén Vázquez e Rosa Quintana –, veñen de presentar unha iniciativa parlamentaria para esixir ao Goberno de España unha intervención «integral e inmediata» na estrada nacional N-120.
Os deputados populares denuncian que esta vía, esencial para a comunicación entre Lugo e Ourense, atópase nun estado de abandono que pon en risco a seguridade viaria dos usuarios.
A estrada N-120 carece de calquera alternativa de alta capacidade no tramo que vai desde a cidade de Ourense ata o límite coa provincia de León, atravesando comarcas clave na provincia de Lugo, como Quiroga ou Monforte de Lemos.
A falta de avances na autovía A-76, por mor da «desidia» do Executivo socialista, obriga a miles de lucenses a transitar diariamente por un firme cheo de fochancas.
«A situación empeorou de xeito substancial nos dous primeiros meses de 2026 debido aos constantes temporais, que remataron por desfacer o asfalto, xa moi deteriorado», sinalan os deputados.
A iniciativa recolle testemuños de usuarios e crónicas nos medios de comunicación, nas que se cualifica a circulación por esta estrada como unha «montaña rusa» de saltos e vibracións, especialmente en puntos críticos como o tramo entre a entrada de Quiroga e Abrence.
Os populares destacan que as fochancas, en moitos casos sen sinalizar e de gran profundidade, están a causar un «regueiro de incidencias» e avarías diarias. «Hai condutores que sofren rebentóns de rodas e roturas de amortecedores nada máis saír do taller; os talleres da zona incluso están a quedar sen existencias de pneumáticos pola alta demanda de reparacións», expoñen.
Ante esta realidade, os deputados lucenses están a demandar:
– Un Plan Integral de Rehabilitación que permita a posta en marcha dunha planificación extraordinaria con partidas orzamentarias plurianuais para arranxar o firme, muros, taludes e obras de paso.
– Garantir un mantemento preventivo cunha conservación estrutural e profesional da vía que evite os «parches».
– Que o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible asuma a responsabilidade patrimonial para facerse cargo dos gastos de reparación dos vehículos que sufriron danos causados polo pésimo estado da calzada.
«Os lucenses e ourensáns non poden seguir xogando a vida e o peto cada vez que collen o coche para ir traballar ou acudir ao médico. É hora de que o Ministerio asuma a súa responsabilidade», conclúen.
CONCENTRACIÓN CIDADÁ SÁBADO 28
Os deputados do PP de Lugo aproveitan para confirmar a súa asistencia á concentración cidadá que terá lugar este sábado, ás 11:00 horas, na N-120 en Canabal, para “apoiar as reivindicacións de toda a cidadanía xa que todos merecemos unas comunicacións seguras, ao contrario do que sucede agora, xa que é un verdadeiro perigo circular por esta estrada nacional”.