O PP denuncia que PSOE e BNG negáronse a impulsar os Premios de Turismo con novos incentivos aos aspirantes, como facilitar a participación en feiras internacionais

Antonio Ameijide: “A nosa proposta era clara: dotar estes premios de contido real e atractivo, ofrecendo ás iniciativas gañadoras difusión efectiva, promoción nas feiras internacionais ás que asiste a Deputación, así como outras medidas de posta en valor e apoio institucional máis alá dun simple diploma e unha peza de artesanía”.

Os representantes do Grupo Provincial Popular no Consello Provincial de Turismo, Antonio Ameijide e Demetrio Salgueiro, lamentaron que “unha vez máis, PSOE e BNG negáronse a impulsar os premios de Turismo, dando incentivos ás candidaturas, como facilitar a participación dos gañadores en feiras internacionais ou potenciar a súa imaxe dende a Deputación”.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, afirma que “ante esta negativa, quedou, unha vez máis, en evidencia a absoluta falta de ambición, innovación e compromiso co turismo por parte do PSOE e do BNG”.

Antonio Ameijide lamentou que se rexeitas a proposta de incentivar e reforzar os premios de excelencia turística da provincia, uns galardóns que ano tras ano apenas contan con participación, recordando como hai poucos anos varias categorías quedaron desertas. 

“A nosa proposta era clara: dotar estes premios de contido real e atractivo, ofrecendo ás iniciativas gañadoras difusión efectiva, promoción nas feiras internacionais ás que asiste a Deputación e apoio institucional máis alá dun simple diploma e unha peza de artesanía”, explicou.

Pola contra, a resposta do PSOE, segundo o explicado por Pilar García Porto, foi seguir facendo exactamente o mesmo que hai vinte anos. 

Durante a xuntanza de hoxe do Consello de Turismo, Pilar García Porto, responsable da área de Turismo, confirmou que continúan asistindo ás mesmas feiras de sempre, mantendo as mesmas iniciativas de hai dúas décadas e sen introducir ningunha medida innovadora que permita posicionar a provincia de Lugo como referente turístico.

Neste senso, Antonio Ameijide explica que “o que hoxe presentaron como un gran éxito non é máis que a reapertura de iniciativas turísticas que foron impulsadas hai trinta anos polo Partido Popular, baixo a presidencia de Francisco Cacharro Pardo, e que funcionaron con éxito ata que o PSOE chegou á Deputación e decidiu pechalas hai vinte anos”, como pode ser o caso do complexo de Augas Mestas.

O mesmo ocorre cos catamaráns turísticos, postos en funcionamento durante os gobernos do Partido Popular na institución provincial, que continúan a ser un referente e un éxito de visitantes, exactamente igual que o foron desde a súa creación. “En 20 anos de bigoberno socialista e nacionalista na Deputación, non foron quen de impulsar ningunha iniciativa transformadora en materia turística”, criticou.

AUSENCIA DO BNG

En canto ao BNG, a súa actitude resulta aínda máis preocupante, xa que nin sequera asistiron ao Consello de Turismo, “demostrando unha vez máis o seu desinterese absoluto por un sector clave para o desenvolvemento económico da nosa provincia”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios