O Concello de Lugo adquire os terreos do antigo Sagrado Corazón para cedelos á Xunta e desbloquear o novo centro de saúde

A Xunta de Goberno Local deu hoxe luz verde a varios acordos clave para a cidade, entre os que destacan a expropiación dos terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón, o reforzo da oferta nos centros de convivencia, novas liñas de colaboración coa Formación Profesional e melloras urbanísticas no casco histórico.

1. Novo paso decisivo para o centro de saúde do Sagrado Corazón

O Concello aprobou completar o procedemento de expropiación dos terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón mediante o pagamento de 726.710,87 euros á Fundación Galicia Obra Social.

  • Próximos pasos: A formalización das actas de pagamento e ocupación realizarase o vindeiro 10 de setembro.
  • Obxectivo: Unha vez finalizado o proceso, os terreos poñeranse de inmediato á disposición da Consellería de Sanidade para desbloquear a construción do tan demandado centro de saúde para o barrio.

2. Os centros de convivencia aumentan un 56 % as súas horas de actividade

Adxudicouse á empresa Os Ventos Innovación en Servizos, S.L. o novo servizo integral de animación sociocultural dos centros de convivencia. O contrato conta cun compromiso de gasto de 542.692,79 euros, cunha duración inicial dun ano prorrogable ata un máximo de cinco.

  • Unificación e mellora: O novo contrato unifica nunha soa prestación os dous contratos que existían anteriormente.
  • Máis horas de servizo: Increméntanse as actividades de 18.382 a 28.668 horas anuais (10.286 horas máis, o que supón un incremento do 56 %).
  • Vantaxes adicionais: Amplíase a rede de equipamentos atendidos e inclúense, sen custo engadido:
    • 1.350 horas anuais adicionais.
    • 5 saídas culturais gratuítas ao ano.
    • 10.000 euros destinados á organización de eventos e actuacións.

3. Reforzo da colaboración coa Formación Profesional

A Xunta de Goberno aprobou dous convenios de colaboración coa Consellería de Educación para facilitar a formación práctica do alumnado de FP:

  • IES Sanxillao: O alumnado de Hostalaría realizará actividades formativas na Praza de Abastos e no Mercado Municipal, combinando a aprendizaxe práctica coa dinamización do comercio local e a promoción do produto de proximidade.
  • CIFP As Mercedes: Os estudantes dos ciclos de Emerxencias e Protección Civil poderán utilizar as aulas, espazos de prácticas, cocheiras, a torre de adestramento e equipamentos do Parque de Bombeiros. As prácticas realizaranse de xeito coordinado para non interferir no servizo operativo habitual.

4. Eliminación dun tapón urbanístico na entrada do Camiño Primitivo

O Concello avanza na adquisición do inmoble situado na rúa Montero Ríos, nº 2, por un importe de 27.391,42 euros.

Esta actuación permitirá eliminar o tapón urbanístico existente na entrada do Camiño Primitivo ao casco histórico e incorporar o inmoble ao patrimonio municipal, dando continuidade ás obras de renovación integral do Carril das Flores.

5. Asuntos de xestión de persoal

Por último, a Xunta de Goberno Local designou o tribunal cualificador encargarse do proceso selectivo para cubrir tres prazas de celador/a de CEIP, correspondentes á Oferta de Emprego Público (OEP) do ano 2023.

Comparte éste artículo
No hay comentarios