Un mal primeiro tempo propiciou a derrota do Racing en Talavera. O equipo, incapaz de defender correctamente centros laterais, foi remodelado no descanso con tres substitucións que achegaron ao Racing ao empate. Álvaro fixo o 2-1, pero cando mellor xogaban os verdes recibiron á contra o terceiro local. Antes do prolongamento, Álvaro lanzou un penalti fóra do recinto deportivo e as esperanzas de puntuar remataron con ese despropósito.
O Racing volve a errar na defensa dos centros laterais
O Racing non tivo un comezo cómodo. O Talavera, con sorpresas no once, fixo un gran traballo de presión. O cadro ferrolán tivo que apelar ao pragmatismo para resolver a súa dificultade para avanzar con asociacións en corto.
Logo de dous remates intranscendentes de Ferni, os manchegos puideron adiantarse no minuto 16. Luis Sánchez lanzou o primeiro saque de esquina e Marcos Moreno chegou fácil ao remate, pero no precisou ben a cabezada. A pelota marchou fóra de paus.
Un disparo raso de Dacosta, que aproveitou o rexeitamento defensivo a un disparo seu, foi a primeira ocasión racinguista. O coiro pasou perto do pau dereito da meta de Belman logo dun drible moi vistoso do ourensán. Era o minuto 23.
Pouco despois, co partido máis animado, Gallardo voleou fóra outro centro de Luis Sánchez. Os locais laiábanse da ausencia do ex ourensenista Di Renzo, baixa por problemas musculares, moito máis eficaz para rematar os balóns pendurados por Luis Sánchez.
Sen embargo, aos 27 minutos marcou o Talavera nunha das do arxentino. Sergi Molina avanzou pola dereita, puxo o balón á área e Ferni, chegando en segunda liña, impúxose por arriba, cunha cabezada á rede, logo que o coiro batera no pau.
O Racing seguía tendo problemas para defender os centros laterais de Luis Sánchez e os locais reforzaron ese factor desequilibrante. O exterior puxo o segundo saque de esquina á área, Sergi Molina rematou, Gorostidi desviou e a Parera resultoulle imposible rectificar o seu salto para evitar o 2-0 no minuto 32.
O Racing tiña que mudar o panorama e tentouno nos seguintes minutos. Un disparo de Álvaro Juan foi o máis significativo, pero Ferni amansou a potencia do xute para que Belman o collera sen problemas.
No prolongamento, Álvaro tivo a opción de recurtar cando chegou de cabeza para rematar unha falta desde tres cuartos. Belman salvou cunha saída eficaz.
Tres substitucións mudan ao equipo e Álvaro erra o terceiro penalti da campaña
O segundo tempo devolveu ao Racing con tres substitucións, pero os mesmos problemas nos centros laterais. Parera salvou o gol olímpico de Luis Sánchez e a defensa interpúxose ao disparo de Isaiah na área.
O partido embarrouse. O Racing pediu penalti por un golpe que apañou Escobar na área, pero o árbitro non o viu nin no monitor nunha xogada saída dun centro que Saúl cabeceou sen oposición, pero brando, ás mans de Belman.
O Racing reduciu a distancia por medio de Álvaro. Recolleu un centro de Saúl, tivo tempo a controlalo logo que Cuenca non chegara coa cabeza para despexar, e o capitán racinguista definiu arriba cun xute cruzado cando o encontro ía cruzar a hora de xogo.
Cuenca redimiuse do erro anterior anticipándose a un centro para Escobar, que non puido rematar. O Talavera xa non tiña forza na presión, o Racing tiña máis espazos e xogaba máis cómodo. O dominio visitante fixera a Sandroni aumentar nun home a liña defensiva, recolocando a Ferni como carrileiro.
As substitucións locais reforzaron o 1x5x4x1. Belman salvou un disparo coa esquerda de Álvaro cunha espectacular parada pouco despois.
A un cuarto de hoa do remate, ninguén chegou a tocar un centro temperado por Saúl. Logo, Sergi Molina, lanzándose ao chan, salvou un remate de Escobar no minuto 78.
Un minuto despois, o Talavera sentenciou. Unha acción illada e rápida dos locais simplificou un ataque de catro pases, Montero xutou e Marcos Moreno desviou para superar a Parera. Era a segunda vez no torneo que os branco e azuis anotaban tres goles.
Os manchegos perdoaron o cuarto nun xute demasiado apurado de Valen Gómez e o partido volveu a entrar en tensión logo que Escobar fora agarrado por Farrando na área. Un minuto antes, Guillermo Fernández queimara todas as naves retirando a Artetxe para incorpor a Concha. Houbo tres minutos de revisión e Álvaro lanzou o penalti fóra de El Prado. O lilicitano continúa sen atinar coa sorte. Errou os tres lanzados nesta campaña, que son cinco se sumamos os dous da pasada. Un despropósito que os siga tirando.
O prolongamento foi de catorce minutos. No segundo deles, o Racing gastou o derradeiro cartón azul por unha man de Álvaro López que o colexiado non confirmou na revisión. O Talavera saíu reforzado das situacións finais e Nordin, cun duro disparo, acariñou o cuarto dos locais cun xute que lambeu a trabe.
A cinco minutos do remate, Belman, sacou unha man imposible a un disparo de Escobar na área pequena.
O Racing non reacciona, as fichaxes invernais de ataque feitas polo inexperiente Álex Vázquez non son usadas polo novo técnico, malia que segundo a tese do director deportivo este era deses partidos para os que foi fichado Tavares, e todo suma para que o Racing comece a ver máis lonxe a fase de ascenso.
Ficha
SÁBADO 28/02/2026 (14,00) Campo: EL PRADO (3.325)
C.F. TALAVERA DE LA REINA : 3 – RACING C. FERROL : 1 (2‑0)
TAL : Belman; Gallardo, Álvaro López, Sergi Molina, Cuenca (Farrando 80’); Pitu (Acosta 67’), Isaiah, Luis Sánchez (Valen Gómez 67’); Marcos Moreno (Nordin 89’), Ferni (Aleix Roig 67’), Montero. Tre. Alejandro Sandroni. (Banco: Jaime (g); Álex Sánchez; Ouacharaf; Antwi).
RAC : Parera; Leal (Saúl D), Edgar, Artetxe (Concha 83’), Álvaro Ramón; Álvaro Juan, Gorostidi (Tejera D), Fabio, Pascu (Escobar D); Álvaro, Dacosta (Jairo 67’). Tre. Guillermo Fernández. (Banco: César (g); Lucas (g); Mardones; Azael; Azkune; Tavares).
Goles: 1-0 Ferni 27’; 2-0 Sergi Molina 34’; 2-1 Álvaro 60’; 3-1 Marcos Moreno 79’.
Árbitro: García Riesgo (Asturias). Auxiliares: Buergo González e Rodrigo Gonzalo. 4º árb.: Carbajales Gómez.
Disciplina: CA: Pitu 37’; Gallardo 38’; Álvaro Ramón 42’; Cuenca 44’; Farrando 88’; Belman 90’
NOTAS: 88’ Álvaro lanza alto un penalti.