Paula Prado erixe ao PPdeG como o «único escudo do rural» ante a parálise que busca a oposición

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, sacou hoxe músculo da xestión autonómica e local do seu partido como a única garantía de supervivencia para o rural galego. Durante unha visita a Piñor, Prado defendeu que as políticas do PPdeG non son promesas baleiras, senón feitos que «fixan poboación, incrementan os servizos e tecen redes sociais reais» nos concellos máis pequenos.

A número dous dos populares destacou o «bo facer» do alcalde de Piñor, José Luis González, por investir esforzos en recuperar servizos estratéxicos para a convivencia. Prado visitou o novo bar municipal no lugar de Arenteiro, un proxecto que cualificou de «moito máis que un negocio».

«Este é un punto de encontro, un lugar de socialización que demostra que onde hai un goberno do PP, hai solucións ás preocupacións reais da xente», afirmou Prado tras felicitar ao rexedor por unha iniciativa que, desde decembro, está en mans dun mozo emprendedor.

A secretaria xeral aproveitou para reivindicar ao PPdeG como o «partido do rural» por excelencia, contrapoñendo a súa xestión á falta de alternativas da oposición. Prado lembrou datos incontestables que avalan esta confianza:

  • O PP goberna no 60% dos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes.
  • «Somos o partido onde os galegos e galegas se senten máis identificados porque nos centramos no que importa, non en xerar ruído», sentenciou.

Pola súa banda, o alcalde José Luis González subliñou que o novo establecemento responde a unha demanda histórica dos veciños para poder «botar a partida ou falar sen ter que desprazarse quilómetros». Ademais, destacou o impacto económico que supón a súa proximidade ao albergue de peregrinos da Vía da Prata, un recurso clave que atrae a centos de visitantes e que o goberno local logrou potenciar.

Comparte éste artículo
No hay comentarios