Néstor Rego: “Non imos aceptar máis recortes nin máis escusas. A cidadanía galega merece un servizo ferroviario digno, seguro e á altura das súas necesidades”.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acompañado polo voceiro municipal do BNG en Teo, Eloi Devesa, a concelleira e responsábel de organización comarcal, Almudena Taboada, e outros cargos institucionais e orgánicos da comarca, denuncia a situación “insustentábel” do servizo ferroviario convencional entre Santiago e Vilagarcía e reclama ao Goberno do Estado un incremento das frecuencias e a aceleración da implantación do servizo de cercaníasna Galiza.
A comparecencia prodúcese despois de que o BNG rexistrase nas Cortes do Estado unha batería de iniciativas para exixir explicacións pola supresión dos servizos ferroviarios entre Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa desde o pasado 6 de febreiro, unha decisión que deixou sen tren as estacións intermedias e que provocou gravesprexuízos ás persoas usuarias.
Néstor Rego cualifica de “inadmisíbel” que, a día de hoxe, aínda se descoñezan as causas concretas do fechamento, e critica que a única resposta de RENFE e ADIF ante episodios de chuvias intensas, sexa o fechamento da liña, sen ofrecer alternativas fiables nin información clara á cidadanía.
Pola súa parte o portavoz do BNG en Teo, Eloi Devesa, destacou que “durante máis de quince días a parada de Osebe en Teo, xunto coas de Padrón, Cesures ou Catoira non tiveron tren, e as persoas usuarias non tiveron información dos motivos ao tempo que podían seguir mercando billetes para logo depender dun plan alternativo por estrada irregular, con atrasos e supresións constantes” recrimina, “a recuperación e mellora dos servizos ferroviarios é fundamental para o noso concello e facilitaría apostar por un medio de transporte sustentábel e alternativo aos desprazamentos por estrada”.
Neste sentido, o BNG exixiu a restitución inmediata dos servizos suprimidos, xunto coa posta en marcha dun plan de mantemento exhaustivo das infraestruturas ferroviarias e unha revisión periódica de vías e taludes que permita garantir a circulación mesmo en condicións meteorolóxicas adversas. “O que falla non é o tempo, é a falta deinvestimento e planificación” afirma Rego.
Servizo de proximidade ferroviaria xa para a Galiza
O Bloque Nacionalista Galego insiste en que esta nova incidencia evidencia a necesidade urxente de dotar á Galiza dun verdadeiro servizo de tren de cercanías que vertebre o territorio, conecte as comarcas e ofreza frecuencias suficientes e prezos accesíbeis.
“O Goberno do Estado debe cumprir co acordado co BNG porque a Galiza segue sen un servizo de tren de proximidade que permitiría reforzar as conexións entre cidades e vilas, reducir o uso do vehículo privado e avanzar cara a un modelo de mobilidade sustentábel.
Rego demanda, por tanto, un compromiso firme do Goberno para incrementar os servizos ferroviarios, recuperar e reforzar as frecuencias suprimidas nos últimos anos e establecer un calendario concreto para a implantación do servizo de cercanías na Galiza.