O PP denuncia que nos dous primeiros meses de uso do bus rural unicamente deu servizo a menos de 90 usuarios

Katy Varela recorda que este servizo ten un custo superior ao millón de euros en dez anos e que o condutor presta servizo exclusivo para o Concello de Monforte a xornada completa, a pesar de que os traxectos supoñen dúas horas ao día: “Queremos que se nos expliquen todos os detalles do contrato xa que o servizo pode ser moito máis eficaz e útil para os monfortinos”.

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte amosan a súa preocupación pola xestión que José Tomé está a realizar do bus rural, “un servizo fundamental para os veciños das parroquias, pero que está infrautilizado”.

A voceira popular de Monforte, Katy Varela, explica que este servizo ten un custo de 1.123.276,16€, nun contrato de 10 anos, o que supón arredor de 112.000€ anuais para as arcas municipais.

Cómpre recordar que este servizo foi inaugurado por José Tomé Roca ao día seguinte de coñecerse as denuncias que o acusaban de presunto acoso sexua.

Katy Varela explica que, segundo a información facilitada polo propio rexedor no último pleno, o bus rural rexistrou un total de 17 usuarios no mes de decembro e no mes de xaneiro a cifra situaríase entre 60 e 70 usuarios. “En todo caso, considéranse cifras moi reducidas para xustificar un contrato millonario de dez anos de duración”, lamentou.

Segundo figura na páxina web municipal, existen cinco rutas semanais (unha por día). Cada xornada realízase unha viaxe de ida entre as 8:00 e as 9:10 horas, con chegada ao Parque dos Condes, e unha viaxe de volta entre as 14:00 e as 15:00 horas. É dicir, o servizo efectivo diario limítase aproximadamente a dúas horas.

Por outra banda, no prego de condicións do contrato establécese que o vehículo unicamente realizará traballos para o Concello e que o condutor estará dedicado a xornada completa a este servizo.

“Entendemos que é unha cuestión de responsabilidade política e de boa xestión dos recursos públicos aclarar que funcións desempeña o condutor durante o resto da súa xornada laboral, tendo en conta que a actividade efectiva do servizo é moi limitada”, explicou.

Desde o Grupo Municipal Popular defendemos un transporte público útil, eficaz e adaptado ás necesidades reais da veciñanza do rural. Pero tamén esiximos transparencia, racionalidade no gasto e unha planificación acorde co principio de eficiencia que debe rexer toda administración pública.

Comparte éste artículo
No hay comentarios