O Partido Socialista de Noia expresa a súa fonda preocupación ante o risco real de que o Concello poida perder unha subvención de aproximadamente 200.000 euros do GALP (Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro), financiada con fondos europeos, destinada á actuación na Chaínza, concretamente á creación da Factoría da Mocidade nas instalacións da antiga fábrica.
Francisco Pérez Caamaño, alcalde de Noia e secretario xeral do partido na vila, explica que o proxecto presentado polo anterior executivo municipal, integrado polo Partido Popular e os independentes do NO.I.A., non coincide co que posteriormente foi licitado. É dicir, a obra que se puxo en marcha na Chaínza non se corresponde co proxecto que fora obxecto da concesión da subvención europea.
Esta situación, cualificada polos socialistas como “grave, irresponsable e neglixente”, podería derivar na perda da devandita achega de fondos europeos, unha cantidade moi significativa para as arcas municipais e que tería que ser asumida con fondos propios do Concello no caso de que non se consiga emendar a deficiencia detectada.
Pérez Caamaño sinala que o actual goberno municipal “está a traballar intensamente para emendar esta irregularidade administrativa e manter a subvención, mantendo contactos cos servizos técnicos e co propio GALP co fin de garantir que o proxecto na Chaínza cumpra estritamente coas condicións establecidas na resolución da axuda”.
“Non imos permitir que unha mala xestión do anterior goberno poña en risco fondos europeos fundamentais para o desenvolvemento da nosa vila e para ofrecer novas oportunidades á mocidade de Noia”, sinalan desde o grupo socialista.
O PSdeG-PSOE de Noia reafirma o seu compromiso cunha xestión transparente, rigorosa e responsable dos recursos públicos, e asegura que seguirá informando á veciñanza sobre a evolución deste asunto ata garantir que a Factoría da Mocidade na Chaínza sexa unha realidade sen custo engadido para a cidadanía.