IGADI impulsa a segunda edición de “A Política Exterior Feminista e o Pacto do Futuro”

Referentes en política exterior feminista dialogarán sobre o papel das mulleres no mundo actual e o Pacto do Futuro das Nacións Unidas, iniciativas para a construción de sociedades máis xustas e igualitarias.

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) lanza a segunda edición de “A Política Exterior Feminista e o Pacto do Futuro”, un proxecto que busca visibilizar e analizar a Política Exterior Feminista (PEF) como un enfoque estratéxico das relacións internacionais baseado nos dereitos humanos e aliñado coa Axenda 2030. A iniciativa desenvolverase entre febreiro e marzo de 2026.

No marco dos actos conmemorativos do 8 de marzo, o xoves 5 de marzo de 18:00 a 20:30 hs (ESP) terá lugar un evento en liña que poñerá o foco no papel das mulleres no mundo actual e na súa influencia na axenda global de igualdade e dereitos humanos, con especial atención a Iberoamérica e Asia.

A actividade “O papel das mulleres no mundo actual: A política exterior feminista e o pacto do futuro” está organizada polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) coa colaboración do centro asociado da UNED en Pontevedra.

O evento reunirá a destacadas investigadoras e expertas en relacións internacionais, xénero e política exterior, entre elas:

  • María Solanas, directora de Programas do Real Instituto Elcano
  • Ana María Alonso, embaixadora en Misión Especial para a Política Exterior Feminista do Goberno de España
  • Adriana Quiñones, directora de Dereitos Humanos e Non Discriminación de ONU Mulleres
  • Manuela Mesa, directora do Centro de Educación e Investigación para a Paz (CEIPAZ)
  • Inés Arco Escriche, investigadora do CIDOB (Barcelona Centre for International Affairs)

A elas sumaranse outras figuras destacadas na análise das relacións internacionais desde unha perspectiva feminista.

A xornada está dirixida a profesionais, estudantes e público xeral interesado no papel das mulleres na política mundial, os retos da igualdade e os mecanismos internacionais para a súa protección e promoción.

As persoas interesadas poden inscribirse nesta ligazón ou solicitar información en info@igadi.gal. Entregaranse certificados a quen complete un test e supere o 60% das preguntas.

Ademais do evento, o proxecto contempla a publicación da segunda edición dun informe centrado na historia, nos debates e na relación entre a Política Exterior Feminista, o Pacto do Futuro e a gobernanza global. O informe difundirase na web de IGADI en portugués e español para facilitar o seu acceso no espazo iberoamericano.

A Política Exterior Feminista é un enfoque adoptado por países como Suecia, Canadá, España ou México, que busca incorporar a igualdade de xénero, os dereitos humanos e a xustiza social nos eixes da política exterior, a cooperación ou a seguridade internacional. Este proxecto sitúa este enfoque no contexto do Pacto do Futuro das Nacións Unidas, concibido en setembro de 2024 como un instrumento para acelerar proxectos globais prioritarios e reforzar o multilateralismo.

Este proxecto conta co apoio da convocatoria 2025 de subvencións en materia de Dereitos Humanos da Secretaría de Estado de Asuntos Exteriores e Globais, do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación do Goberno de España.

Comparte éste artículo
No hay comentarios