A Real Academia Galega celebra a escrita sen límites de María Xosé Queizán polo Día da Poesía

A Real Academia Galega dedicaralle o Día da Poesía 2026 a María Xosé Queizán. O Museo de Arte Contemporánea de Vigo acollerá o martes 17 de marzo (18:30 horas) un recital de homenaxe á autora, escritora de excepcional pulo creativo e referente imprescindible do pensamento e da práctica feminista, no que unha ducia de escritoras e escritores dialogarán con versos da súa autoría. A celebración inclúe ademais a loanza de Queizán a cargo da académica Margarita Ledo Andión e unha actuación musical de Uxía.

O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e a directora da Sección de Literatura, Marilar Aleixandre, abrirán o acto, de entrada libre ata completar a capacidade da sala. A cita, organizada co apoio da Deputación de Pontevedra, poderá seguirse tamén en directo desde academia.gal.

A convocatoria no MARCO permitirá escoitar nas voces de Rexina Vega, Marga do Val, Manuel Forcadela, Fina Casalderrey, Andrea Nunes, Elvira Ribeiro, Pepe Cáccamo, Ana Romaní, María Reimóndez, Camiño Noia, Míriam Ferradáns e Xavier Baixeiras unha escolma de poemas de Queizán recollida na plaquette conmemorativa do mesmo título: María Xosé Queizán. A escrita sen límites. O público será agasallado con esta edición ao coidado da académica Ana Romaní, na que os versos escollidos polas autoras e autores convidados se acompañan de pequenos comentarios, declaracións que deixan constancia da admiración e do recoñecemento que suscita unha pioneira que, en palabras de Margarita Ledo, “trae a experiencia das mulleres para o centro da trama”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios