A veciñanza de Cervantes mobilízase contra o peche do consultorio de Doiras e a decisión de non cubrir as vacantes médicas de San Román e Doiras

A veciñanza de Cervantes concentrouse hoxe diante do centro de saúde de San Román para denunciar o peche do consultorio médico de Doiras e a decisión da Consellería de Sanidade de non cubrir a vacantes médicas no concello.

O Bloque Nacionalista Galego de Cervantes participou nesta mobilización para denunciar o que cualifica como “un novo golpe do Partido Popular contra a sanidade pública na montaña lucense”.


Para o BNG, o peche do consultorio de Doiras é unha decisión “política, tomada de forma unilateral e con escurantismo”, sen comunicación previa á veciñanza e sen ofrecer ningunha alternativa. “A Xunta pecha un servizo sanitario básico nun concello xa castigado pola falta de recursos e pola dispersión da poboación. É unha decisión profundamente irresponsábel e un desprezo absoluto á veciñanza de Cervantes”, denuncian.


A formación nacionalista advirte de que esta medida forma parte dunha estratexia máis ampla de recortes na atención primaria no rural que está castigando especialmente ás zonas de montaña de Lugo. Ao peche de Doiras súmase a situación do Centro de Saúde de San Román, que continúa baixo mínimos tras quedar unha das prazas médicas sen cubrir e converterse outra nun servizo rotatorio e precario. “O Partido Popular está a aplicar unha política consciente de deterioro da sanidade pública no rural: primeiro recortan, despois precarizan e finalmente pechan servizos”, sinalan.


Desde o BNG lembran que Cervantes é un concello cunha poboación moi envellecida e cunha grande dispersión territorial, polo que a eliminación de servizos de proximidade ten consecuencias moi graves. “Pechar o consultorio de Doiras e recortar en San Román significa obrigar ás persoas maiores a facer quilómetros por estradas de montaña para poder ir ao médico. Iso non é reorganizar servizos: iso é abandonar aposta o noso rural”, denuncian.


A organización nacionalista critica tamén a falta de transparencia e de respecto institucional por parte da Xunta. “A veciñanza non recibiu ningunha explicación nin ningún aviso previo. A Consellería decidiu pechar e punto. Ese é o trato que o Partido Popular lle dá á montaña lucense”, lamentan.


Ante esta situación, o BNG anuncia que continuará impulsando mobilizacións e chama á veciñanza a seguir defendendo os seus dereitos. Neste sentido, convocan unha nova concentración o vindeiro mércores día 18 de marzo ás 12:00 horas diante do Centro de Saúde de San Román, para esixir a reapertura inmediata do consultorio de Doiras, a cobertura estable das prazas médicas e o mantemento íntegro dos servizos sanitarios no concello.


“O que está en xogo é o dereito á saúde das nosas veciñas e veciños e o futuro do noso territorio. Sen sanidade pública non hai igualdade nin hai vida digna no rural. A montaña non pode seguir pagando as políticas de abandono do Partido Popular”, conclúe o BNG.

Comparte éste artículo
No hay comentarios