O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, cualificou hoxe de «gravísimo erro estratéxico» a decisión do Goberno de Elena Candia de renunciar á transformación da zona norte da cidade contemplada na Estratexia Novo Norte. Fernández denunciou que o Concello pretende desviar o financiamento europeo para pagar actuacións xa orzamentadas, como o aparcadoiro do Ceao ou as naves da Milagrosa, renunciando a proxectos estruturais.
«Europa debe financiar transformación, non substituír o investimento municipal. Usar fondos europeos para obras xa orzamentadas é cómodo para o curto prazo, pero hipoteca o futuro de Lugo»
Bulevar na Avenida da Coruña e Segunda Rolda
Fernández lamentou a paralización do proxecto para converter a Avenida da Coruña nun gran bulevar peatonal, verde e comercial. Lembrou que esta vía «xa non debe tratarse como unha entrada e saída da cidade» e urxiu a acompañar a súa reforma coa culminación da Segunda Rolda mediante a eliminación do tapón de Dona Urraca e a conexión entre Escultor Asorei e a rúa Amizade.
«Sen estas obras, a zona norte seguirá densamente poboada, sen espazos de convivencia e cunha mobilidade deseñada hai décadas», sinalou o portavoz, quen acusou a Candia de gobernar desde a mera contraposición ao Executivo anterior: «Estar contra o Goberno anterior non é un modelo de cidade. O preocupante é que Candia paralizou o proxecto sen ter ningunha alternativa para o norte de Lugo».
Por último, Fernández reclamou á rexedora que rectifique e que «pense nos próximos trinta anos e non nos próximos dez meses», aproveitando unha oportunidade económica que «tardará décadas en volver aparecer».