A eurodeputada do BNG conta cunha ampla experiencia como observadora en diferentes procesos electorais internacionais.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa este fin de semana na Misión de Observación Electoral (MOE) do Parlamento Europeo nas eleccións lexislativas de Colombia. A eurodeputada galega, membro da Delegación da Comunidade Andina do Parlamento Europeo e vicepresidenta terceira da Asemblea paritaria Eurolat (Parlamento Europeo e Parlamentos latinoamericanos), desprázase hoxe a Colombia para participar en nome do grupo Verdes-ALE, do que forma parte o Bloque, na primeira rolda das eleccións en Colombia, que empeza coas eleccións lexislativas e seguirá coas presidenciais.
Nesta misión oficial do Parlamento Europeo, a eurodeputada galega, que conta cunha ampla experiencia en misións de observación electoral en varios países do mundo, participará dende mañá na axenda oficial do Parlamento Europeo xunto con outros eurodeputados e eurodeputadas de diferentes grupos. Nesa axenda prevista en Bogotá, Miranda reuniranse cos candidatos das diferentes opcións políticas, o embaixador da Unión Europea, así como representantes das comunidades indíxenas e da sociedade civil colombiana.
Xa no 8 de marzo, día da xornada electoral, a eurodeputada desprazarse á zona de Cundimarca e participará na recepción que previsiblemente ofrecerá o Presidente da República, Gustavo Petro. Como no resto das misións electorais, nesta que terá lugar en Colombia as e os participantes emitirán un informe da Unión Europea.
Coñecedora dos procesos colombianos
Ana Miranda e unha gran coñecedora dos procesos electorais en Colombia, xa que en maio de 2022 xa participou no anterior proceso electoral, na que resultou elixido Gustavo Petro, co obxectivo de verificar a transparencia do conxunto do proceso. Como eurodeputada participara así mesmo na misión de observación de maio de 2018 como parte dunha delegación de observación do Parlamento Europeo das eleccións presidenciais. Nese momento foron unhas eleccións de gran transcendencia, xa que tiveron lugar nun contexto de “post-conflito”, tras a firma dos Acordos de Paz entre as FARC-EP e o Goberno de Colombia en novembro de 2016.