O PP ofrece os seus votos aos concelleiros “con dignidade” do PSOE para facilitar a saída de José Tomé e un goberno alternativo en Monforte

Katy Varela: “Queremos respectar escrupulosamente o mandato das urnas, motivo polo que poñemos os nosos votos á disposición de aqueles membros do PSOE que aínda teñan sentido do ben común para apartar a José Tomé da alcaldía para evitar que siga danando a imaxe da institución e do municipio”.

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte, encabezados pola súa voceira Katy Varela, deron hoxe un paso adiante ante a «crítica e insostible» situación que atravesa o Concello. “Nun exercicio de responsabilidade institucional, ofrecemos os votos do noso grupo para propiciar un cambio e formar unha alternativa de goberno que recupere a dignidade da alcaldía”.

Así o anunciou Katy Varela durante unha rolda de prensa na que estivo acompañada de varios concelleiros do PP de Monforte.

Katy Varela amosou o seu asombro ante a «estratexia de normalidade» do alcalde e do grupo socialista: “Seguimos abraiados coa normalidade que pretenden aparentar tras coñecerse a querela da Fiscalía por indicios fundados de acoso sexual e abuso de función pública. Non é unha cuestión administrativa, é unha mancha gravísima sobre a institución”.

A voceira lembrou que o PSOE sempre presumiu de ser un partido feminista e intolerante ante condutas machistas esixindo dimisións alleas, pero a realidade é que “non están sendo coherentes co que pasa en Monforte; por dignidade e por feminismo, dirixímonos a eses concelleiros socialistas que aínda teñan criterio: poñemos os nosos votos á súa disposición para apartar a Tomé e salvar o futuro da cidade”.

Katy Varela dixo querer «respectar escrupulosamente o mandato das urnas”. «Non podemos quedar de brazos cruzados mentres o nome de Monforte sae nos medios por cuestións tan deplorables. Ofrecemos unha saída democrática se aínda queda alguén de ben no grupo socialista que queira salvar a honra da nosa cidade», afirmou.

A voceira dos populares monfortinos quixo deixar claro que este ofrecemento non é un cheque en branco, senón un exercicio de hixiene democrática. Neste sentido marcou distancias con calquera intento de manter unha liña similar á actual: «Este é un paso responsable pensando no mellor para o Concello, pero temos liñas vermellas. Que ninguén se equivoque: as alcaldías non son hereditarias. Monforte necesita unha renovación real, non un relevo a dedo para que todo siga igual».

Katy Varela convida ao resto da oposición a sumarse a esta iniciativa: “convidámolos a unirse a esta proposta para acadar ese cambio que tanto necesita Monforte”.

A popular tamén aproveitou para denunciar a deriva do equipo de goberno nestes anos, recordando que José Tomé vén de fixarse o soldo máximo que permite a lei coa compracencia de todos os concelleiros socialistas. «É un insulto aos monfortinos que, mentres a cidade sofre as consecuencias deste escándalo, teñamos un alcalde co soldo máximo e, ao mesmo tempo, outra persoa no equipo de goberno que xa percibe un salario equivalente ao de alcalde».

Para Katy Varela, a permanencia de Tomé no cargo é un lastre para o futuro de Monforte. «A realidade é que este escándalo está dando unha imaxe moi negativa do municipio. Tememos que esta crise institucional derive nun retroceso económico e na perda de investimentos».

Comparte éste artículo
No hay comentarios